A Deputación celebra o Día da Muller nos centros de atención a maiores

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación organiza nos seus centros de atención a maiores un programa de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller.
cartel dia da muller centros maiores deputacion
28 Feb 2023

A Deputación de Lugo organiza nos seus centros de atención a maiores un programa de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller, unha iniciativa que forma parte do modelo asistencial implantado nas residencias pola institución provincial en colaboración cos concellos e que ten como un dos obxectivos centrais a plena integración dos usuarios e usuarios na vida social e cultural do concello no que residen.

Os maiores vivirán unha xornada especial, pois vestiranse con traxes tradicionais galegos cedidos polo Centro de Artesanía e Deseño da institución provincial. O Servizo de Audiovisuais da Deputación encargarase de fotografalos con esta vestimenta típica, coa que contarán e repasarán a súa historia e a evolución da sociedade en canto aos dereitos e a igualdade das mulleres. Cada centro contará cun día para conmemorar o 8 de marzo dende este luns e ao longo do mes de marzo.

Así mesmo, os residentes elaborarán uns broches en forma de sombreiro que simbolizan o que cargan as mulleres na sociedade. As pezas serán entregadas na contorna dos centros de maiores, como colexios, tendas ou centros de saúde para dar visibilidade á súa participación no Día da Muller.

Concertos gratuítos esta fin de semana en Vilalba, Taboada, A Fonsagrada e Viveiro

As actividades na residencias súmanse á programación que organiza a Deputación de Lugo para celebrar o Día Internacional da Muller. Así, este venres, día 3 de marzo, arranca a segunda edición do ciclo de concertos Con Voz de Muller 8-M, de acceso libre e gratuíto, coa actuación da Banda da Loba no auditorio Carmen Estévez de Vilalba, ás 20.30 horas. Caamaño&Ameixeiras soará o sábado 4 na praza Riazón de Taboada, ás 19.00 horas; e o domingo será a quenda de Catuxa Salom, no Salón de Actos dos Chaos da Fonsagrada, e Margarida Mariño, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, en ámbolos dous concellos tamén ás 19.00 horas.

Ademais, o vindeiro luns, 6 de marzo, a Deputación inaugurará no Pazo de San Marcos a exposición Elvira López Mourín. Unha enfermeira de altura, unha mostra impulsada pola Academia de Enfermería de Galicia e o Colexio de Enfermería de Lugo, coa que colabora a institución provincial. A exposición busca dar a coñecer a figura desta enfermeira lucense, que fai cen anos converteuse na primeira en participar nun voo médico sobre o territorio inimigo no conflito do Rif. A Deputación tamén colaborou coa edición do libro sobre a vida desta sanitaria, un proxecto ao que dedica 9.000€.

0.20289611816406