A Deputación crea un premio para incentivar o emprendemento no rural

TerraChaXa
A deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, presentou a primeira edición dos premios Emprendendo no Rural, a iniciativa que pon en marcha o Goberno da Deputación para fomentar a creación de empresas na provincia, achegando 50.
SONSOLES
16 Nov 2018

A deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, presentou a primeira edición dos premios Emprendendo no Rural, a iniciativa que pon en marcha o Goberno da Deputación para fomentar a creación de empresas na provincia, achegando 50.000 euros.

López Izquierdo explicou que “dentro da nosa clara aposta e compromiso de traballar por unha Deputación co rural, axudaremos a un total de 5 emprendedores que desexan abrir un negocio no rural, e precisan dun pequeno pulo para facelo. Son 5 axudas da Deputación destinados a outros tantos proxectos empresariais no rural. Dende o Executivo Provincial apostamos polo medio rural coma un medio de oportunidades no que se poden desenvolver iniciativas laborais e empresariais relevantes para a economía e o desenvolvemento da nosa provincia, e os premios que hoxe presentamos son unha mostra máis desta firme convicción”

A Deputada explicou que, ademais da xeración de emprego e fixación de poboación no rural da provincia, o Emprendendo no Rural, busca contribuír ao recoñecemento de proxectos orixinais e innovadores na nosa provincia, baseados en calquera actividade que contribúan á creación de novos postos de traballo no lugar no que se afinquen, para establecer o medio rural lucense como motor xerador de riqueza”.

“Deste xeito, dende o Goberno da Deputación amosamos o noso compromiso co rural, que non é un slogan, senón que se demostra con feitos e iniciativas como a que hoxe presentamos. Facémolo dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas, sumamente social e rural, pois entendemos que a nosa finalidade é a de mellorar a calidade de vida dos veciños aproveitando os recursos dos que dispomos”, destacou.

Abre o prazo de solicitudes
Logo da publicación das bases este martes no Boletín Oficial da Provincia, o venres 16 abre o prazo para que todos os interesados en participar poidan rexistrar as súas solicitudes ata o vindeiro día 29 de novembro, incluído. A previsión é que a finais de ano se coñezan os beneficiarios. As solicitudes presentaranse de maneira telemática na sede electrónica da Deputación: http://sede.deputacionlugo.org. Toda a información e documentación necesaria pode atoparse na páxina web http://deputacionlugo.gal/gl/temas/emprego/emprendendo_rural.

Pode participar calquera cidadán, as únicas esixencias serán non estar constituídos como empresa – co que se premia a idea-, a obriga de constituírse antes de 31 de agosto de 2019, afincarse no rural e manter a actividade durante polo menos dous anos.

0.18750500679016