A Deputación dá comezo a unha extensa programación de Nadal en todos os concellos
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto deu a coñecer as actividades de Nadal que o Goberno da Deputación leva de xeito gratuíto aos concellos da provincia. Trátase de actividades de carácter lúdico, cultural e educativo dirixidas aos máis pequenos e ás familias. Son un total de cen actividades que comezan o día 21 de decembro e finalizan o 6 de xaneiro de 2019.
García Porto explicou “que con estas iniciativas ofrecemos un lecer alternativo, educativo e creativo nestas datas, e ao mesmo tempo facilitamos a conciliación das familias lucenses no Nadal. A través desta programación, na que participan 63 Concellos, a provincia encherase de todo tipo de espectáculos como por exemplo contacontos, maxia, malabares, teatro, música ou ciencia”.
A Deputada sinalou que “o Planetario é unha das actividades con mais demanda, ao tratarse dunha proposta orixinal e educativa que nos envolve e transporta aos confíns do universo. Pero tamén contamos cunha proposta singular, xa que o día 28 de decembro actuará en Rábade a Orquestra de Malabares acompañada coa Banda Sons e Soños, un espectáculo no que se unen dous mundos nun só escenario, o circo e a música. Ademais, a Banda de Música de Antas de Ulla tamén actuará nesta localidade coa comedia musical “A gata con zocas”, o día 30 de decembro”.
Programación das actividades nos concellos chairegos:
- 23 de decembro:
Planetario Ciencia Kids. Ás 16:30 e ás 19:30 h. Carpa Constitucional, Vilalba - 24 de decembro:
Queres que cho conte? Palimoco Teatro. Ás 12:00 h. Casa da Cultura, Outeiro de Rei
Queres que cho conte? Palimoco Teatro. Ás 16:00 h. Casa da Cultura, Begonte - 26 de decembro:
Planetario Ciencia Kids. Ás 10:30 e ás 13:30 h. Centro Sociocultural, Riotorto - 27 de decembro:
Queres que cho conte? Palimoco Teatro. Ás 16:30 h. Local Social, Muras
Planetario Ciencia Kids. Ás 16:30 e ás 19:30 h. Pavillón Municipal, Meira
Queres que cho conte? Palimoco Teatro. Ás 16:30 h. Concello Novo, Abadín - 28 de decembro:
Orquestra de Malabares coa Banda Sons e Soños. Ás 20:00 h. IES Río Miño, Rábade - 29 de decembro:
Queres que cho conte? Palimoco Teatro. Ás 12:00 h. Bibliotéca Municipal, Xermade - 30 de decembro:
Planetario Ciencia Kids. Ás 16:30 e ás 19:30 h. Centro Sociocultural de Mosteiro, Pol - 31 de decembro:
O Baúl do Mago. Ás 11:30, ás 13:30, ás 16:00 e as 19:00 h. Praza do Campo da Feira, Guitiriz - 2 de xaneiro:
Planetario Ciencia Kids. Ás 16:30 e ás 19:30 h. Pavillón do Colexio, A Pastoriza - 4 de xaneiro
Queres que cho conte? Palimoco Teatro. Ás 16:30 h. Casa da Cultura de Feira do Monte, Cospeito
Queres que cho conte? Palimoco Teatro. Ás 19:30 h. Centro Cultural Xosé Manuel Carballo de Castro de Rei (Teleclube), Castro de Rei
A Rede Museística ofrece 23 obradoiros repartidos nos 4 museos
O Goberno da Deputación tamén ten previsto realizar 23 obradoiros na Rede Museística. Estas actividades contan cun total de 320 prazas, aínda que tamén hai actividades sen límite de asistencia. Os obradoiros, totalmente gratuítos, son diferentes en cada unha das sedes, atendendo as particularidades das súas coleccións e as demandas dos participantes. Tamén continúa o programa Musavisitas pola Rede, que ofrece visitas guiadas gratuítas. As inscrición está aberta ata esgotar as prazas, e debe formalizarse no Museo onde se vaia realizar o obradoiro. En San Paio de Narla a programación será a seguinte:
- 20 de decembro ás 12:00 h: Pensando en arte e canalizando emocións. Obradoiro dirixido a todas as idades.
- 26 de decembro ás 12:00 h: Econadal. Obradoiro dirixido a rapaces de 6 a 14 anos (Club Pequeamig@s)
- 2 de xaneiro ás 12:00 h: Contos ao revés. Obradoiro dirixido a rapaces de 6 a 14 anos (Club Pequeamig@s)
- 4 de xaneiro ás 12:00 h: A túa mirada conta. Obradoiro dirixido a rapaces de 6 a 14 anos (Club Pequeamig@s)
- 5 de xaneiro ás 12:00 h: Mapa mental da etnografía e da servidume. Obradoiro dirixido a todas as idades