A Deputación dá o visto bo a unha nova edición do Buxiganga
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, informou da aprobación este venres en Xunta de Goberno do Buxiganga 2018, que chega á súa décima edición. O Goberno Provincial decidiu dotar de 70.000 euros os fondos desta programación, incrementando o orzamento nun 25% en relación ao ano anterior, debido á alta participación nesta iniciativa. Logo da aprobación na Xunta de Goberno de hoxe das bases e dos modelos de solicitude, abrirase o prazo de solicitude o día 27 de febreiro. Os interesados disporán de 15 días para facelo.
García Porto explicou que “co Buxiganga 2018, o proxecto de teatro afeccionado da Deputación, cumprimos un dobre obxectivo: promocionar o teatro afeccionado, debido á grande cantidade de escolas de teatro municipais coas que contamos, e dinamizar cultural, social e economicamente os municipios da nosa provincia, especialmente os do rural”.
O Buxiganga está dirixido a municipios e asociacións sen ánimo de lucro da provincia, que poderán solicitar a celebración de actuacións, e as agrupacións de teatro, que son as que representarán as obras. Unha vez coñecidos os Concellos solicitantes e os grupos de teatros, elaborárase un catálogo para que os municipios e asociacións culturais soliciten o grupo desexan contratar.
Os cachés das actuacións serán os seguintes:
-Grupos de 6 a 8 persoas: 500 €/función (tendo as 3 representacións 450 €/función)
-Grupos de 9 a 12 persoas: 750 €/función (tendo as 3 representacións 700 €/función)
-Grupos de 13 ou máis persoas: 850 €/función (tendo as 3 representacións 800 €/función).
Dese caché, a Deputación subvenciona o 80% do custo das actuacións, e os Concellos ou asociacións asumen o pagamento do 20% do custo de cada unha delas, para o que poderán cobrar unha entrada simbólica que en ningún caso poderá superar os tres euros (3 €).
A vindeira semana, habilitarase na páxina web da Deputación (www.deputacionlugo.gal) un espazo habilitado no que consultar todas as bases do programa e os documentos que se deben cubrir para entregar a solicitude no Rexistro Provincial.
A Deputada de Cultura apuntou que no Buxiganga 2017 inscribíronse nesta programación 35 grupos de teatro e 64 entidades solicitantes: 30 asociacións e 34 Concellos. Isto produciu que se realizaran preto de 105 actuacións en 44 localidades da provincia, e nas que participaron preto de 380 actores e actrices.