A Deputación de Lugo impulsa a dixitalización da información turística nos concellos
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informa de que dende a Deputación se está impulsando a dixitalización da información turística nos 67 concellos da provincia. Para iso, facilitáronselles recursos dixitais, carteis e información dos principais puntos de interese de cada localidade para que distribúan nos lugares e dependencias municipais onde conflúen os visitantes. O obxectivo é ofrecer información atractiva que as persoas que pasan as súas vacacións na provincia poden consultar dende os seus dispositivos electrónicos.
Por un lado, ponse a disposición dos municipios información sobre os puntos de interese que dende a área de Turismo se recapitulou para a dotar de contidos a aplicación Inventrip para móbiles e tablets, dispoñible tanto en galego como en castelán. Así mesmo, fíxoselles chegar cartelería personalizada para cada municipio con enlace a través de código QR á app Inventrip, onde a Deputación ofrece cumprida información sobre os reclamos turísticos de cada localidade. A finalidade é que eses carteis se coloquen en lugares visibles e accesibles aos visitantes, como son as oficinas de turismo, monumentos e lugares de hospedaxe e restauración.
García Porto explica que a dixitalización é unha das follas de ruta principais que segue a área de Promoción do Territorio e Turismo, cun reforzo engadido neste sentido durante a crise sanitaria da Covid-19. “A transformación dixital neste sector non é unha opción, é unha estratexia esencial par dar resposta aos novos segmentos, ás novas necesidades e aos novos comportamentos do turismo”, explica a deputada. “Somos conscientes de que aos concellos da provincia, sobre todo aos pequenos, cústalles grandes esforzos poder introducir cambios e melloras en materia turística, por iso queremos facilitarlles información e colaborar en todo o que estea ao noso alcance”.
A deputada subliña que “o turismo camiña cara a integración do viaxeiro na experiencia da viaxe e a tecnoloxía facilita en gran medida a relación que se establece entre o lugar e o visitante, o que unifica as sensacións que experimentamos dende antes de emprender a viaxe, durante a viaxe, e unha vez que volvemos á casa coas maletas cheas de vivencias”.
Aposta polas novas tecnoloxías
A Deputación de Lugo vén promovendo o turismo a través das novas tecnoloxías co obxectivo de facer que a oferta sexa máis accesible e competitiva e mellorar a experiencia do visitante. Nesa liña de acción lanzou dúas aplicacións para dispositivos móbiles que comparten o fin de difundir os atractivos da provincia e incentivar as visitas.
Por un lado, Inventrip, que inclúe información sobre uns 2.500 puntos de interese, incluídos elementos do patrimonio cultural e natural, rutas, artesáns, bodegas, empresas de turismo activo, restaurantes e establecementos turísticos. Un conxunto de información que lle permite ao visitante trazar unha ruta para chegar aos lugares que máis lle interesan ou poder descubrir os recursos que están máis preto da súa posición.
Por outro lado, outra das grandes apostas da Deputación é a app Lugo 360, unha aplicación móbil de balde, que a través da realidade aumentada permite facer unha viaxe a 25 localizacións da provincia a través dun dispositivo móbil. Esta é unha iniciativa que reforza o turismo de experiencias e favorece a posta en valor e promoción do inmenso patrimonio cultural e natural da provincia. A app abre unha contorna virtual que lle permite ao usuario unha visita inmersiva a calquera dos catro xeodestinos da provincia de Lugo (Ancares-Courel, A Mariña, Lugo-Terra Chá e Ribeira Sacra), co fin de motivalo a que faga unha visita real.
Ademais, coa mesma filosofía de dixitalizar o turismo na provincia, a Deputación habilitou na web da área de Turismo un novo espazo destinado ao sector turístico onde profesionais e empresas poden atopar documentación do seu interese. Nel pódese atopar un manual de boas prácticas, recursos de formación, informes de incidencia da Covid-19 no sector e recomendacións da Organización Mundial do Turismo.