A Deputación de Lugo reactiva a obra da residencia de maiores de Guitiriz

A xunta de goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres diferentes medidas que teñen que ver coa atención ás persoas maiores, a mellora das infraestruturas e dos servizos públicos, o acondicionamento da rede viaria provincial e a consolidación do emprego público. Así o informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, no Pazo de San Marcos na rolda de prensa posterior á reunión semanal.
Reactivar a residencia de Guitiriz, que contará con 46 prazas, foi un dos puntos máis destacados que se aprobou na xunta de goberno. Nese sentido, quedou aprobada a liquidación do contrato da obra da Casa da Botica e a determinación dos danos e perdas causados polo incumprimento da empresa, que está en concurso de acredores.
“Estamos falando dun contrato que adxudicamos no 2023 por 1,9M€ e un prazo de execución de 18 meses”, relatou García Porto. A empresa obtivo unha ampliación de nove meses, ata xullo de 2025, pero chegado ese momento a construción tiña menos do 40% de execución.
Os informes técnicos da Deputación detectaron un incumprimento do prazo de execución e das obrigas esenciais do contrato. Por ese motivo, a institución acordou resolver o contrato seguindo todo o procedemento administrativo correspondente.
Sinalou a deputada que “o importante deste acordo é que nos permite seguir adiante co Centro de Atención a Maiores (CAM) de Guitiriz. Porque como xa fixemos no caso da Pontenova, a Deputación non vai deixar que o incumprimento dunha empresa paralice unha infraestrutura social que os veciños de Guitiriz necesitan e que esta institución está decidida a sacar adiante”.