A Deputación de Lugo remata a mellora da estrada LU-P-0108 entre Foxas e Canteirada, en Abadín

TerraChaXa
Os traballos incluíron a reapertura das cunetas para mellorar a drenaxe, o acondicionamento do firme mediante o estendido de aglomerado en quente e a reposición da sinalización vertical e horizontal
estrada-foxas-canteirada-abadin
17 Oct 2026

A estrada provincial LU-P-0108, que comunica os núcleos de Foxas e Canteirada, en Abadín, xa conta cun firme renovado e nova sinalización viaria tras rematar as obras de mellora impulsadas pola Deputación de Lugo, cun investimento superior aos 300.000 euros. A actuación permitiu rehabilitar practicamente a totalidade do trazado, entre os puntos quilométricos 0,675 e 6,245.

Trátase dunha vía fundamental para a mobilidade interna do municipio, xa que conecta ambos núcleos coa estrada nacional N-634 e facilita os desprazamentos diarios da veciñanza. Ademais, dá acceso ás explotacións agrogandeiras da zona e enlaza coa rede viaria principal.

Os traballos incluíron a reapertura das cunetas para mellorar a drenaxe, o acondicionamento do firme mediante o estendido de aglomerado en quente e a reposición da sinalización vertical e horizontal.

O remate das obras responde a unha demanda trasladada polo PSOE de Abadín á presidenta da Deputación de Lugo nunha reunión de traballo celebrada o pasado 15 de maio. A formación socialista destacou que a estrada levaba anos nun estado deficiente e agradeceu á institución provincial que atendese esta petición.

Desde o PSOE local sinalaron que continuarán reclamando actuacións para mellorar as infraestruturas das parroquias do municipio e defender os intereses da veciñanza.

Pola súa banda, a Deputación enmarca esta intervención no seu compromiso coa mellora da mobilidade e das comunicacións na provincia, consideradas fundamentais para apoiar a actividade económica, especialmente nos sectores agrogandeiro, forestal e turístico. A rede viaria provincial supera os 4.200 quilómetros, polo que o seu mantemento resulta estratéxico para garantir a conexión entre os distintos puntos do territorio.

0.14460206031799