A Deputación defende os mesmos servizos ferroviarios para Lugo que no resto de Galicia
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, defendeu durante a presentación do Informe sobre a liña ferroviaria A Coruña-Lugo e a rede de vía métrica en Galicia elaborado polo catedrático da Universidade da Coruña Miguel Rodríguez Bugarín para o Eixo Atlántico que a provincia de Lugo ten que ter os mesmos servizos ferroviarios que o resto de Galicia. “Os veciños e veciñas de Lugo teñen que ter a mesma posibilidade de chegar a Madrid no mesmo tempo que dende A Coruña ou que dende Vigo”, reivindicou o mandatario provincial, quen sinalou que a provincia debe ser a vía principal de entrada e saída das mercadorías de Galicia por ferrocarril, formando parte do Corredor Atlántico a través de Monforte, O Barco de Valdeorras, Ponferrada, León e Palencia.
Rodríguez Bugarín apuntou que os tempos nos traxectos ferroviarios entre A Coruña e Lugo e entre Ferrol e Ribadeo poderían acurtarse de xeito significativo cun plan de modernización da vía. “Falta cohesión para un proxecto de renovación que é crucial para o tráfico de persoas e mercadorías e que pode financiarse por Europa”, sinalou o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao. Xunto a eles, na presentación que tivo lugar este mediodía no Salón de Actos da Deputación de Lugo, compareceron o presidente do Eixo Atlántico e alcalde do Concello do Barco de Valdeorras, Alfredo García Rodríguez, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.
O presidente do Eixo destacou que Lugo é clave na modernización da rede ferroviaria de Galicia e na conexión da comunidade co resto da Península. Todos coincidiron en sinalar que tan importante como o transporte de persoas é o de mercadorías, e que o informe será un elemento importante para as administracións.
O traballo de Bugarín fai un percorrido por boa parte da historia ferroviaria das provincias de Lugo e A Coruña e recolle o nacemento, desenvolvemento e actual situación da liña que une Lugo e A Coruña e a rede costeira de vía métrica, que fai percorrido entre Ribadeo e Ferrol.
Tomé apuntou que durante as últimas décadas, o debate en torno ao ferrocarril en Galicia estivo centrado case exclusivamente en torno á alta velocidade e que sería absurdo negar a súa importancia, “pero o traballo do profesor Bugarín recórdanos tamén outras funcións sociais do ferrocarril, como o transporte de media distancia ou a súa capilaridade, ligando núcleos de poboación non conectados entre si”.