A Deputación demanda á Xunta que proporcione material médico canto antes a todos os concellos

TerraChaXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, trasladou á Xunta de Galicia a demanda dos concellos da provincia relativa á necesidade de dotalos de equipamentos de protección para facer fronte ao coronavirus.
27 Mar 2020

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, trasladou á Xunta de Galicia a demanda dos concellos da provincia relativa á necesidade de dotalos de equipamentos de protección para facer fronte ao coronavirus.

Recollendo a preocupación manifestada pola inmensa maioría dos municipios da provincia de Lugo, relativa á falta de Equipamentos de  Protección Individual -EPIs- para minimizar os riscos de contaxio do COVID-19, o presidente remitiu un escrito á Presidencia da Xunta e á Consellería de Sanidade no que solicita á Administración autonómica que, "dentro das súas responsabilidades na crise sanitaria, proporcione a todos os concellos lucenses, canto antes, o material de auto protección en cantidades suficientes para poder desenvolver o seu traballo en condicións de seguridade".

"A Deputación Provincial de Lugo, cumprindo coa súa función esencial de cooperación cos concellos e como valedora das súas demandas, espera que a Xunta de Galicia atenda, á maior brevidade posible, as súas necesidades", di.

Por outra banda, nesta cuestión o Partido Popular de Lugo pide ao presidente da Deputación, o socialista José Tomé, que aprenda do seu homólogo de Ourense e acometa a compra de material de protección para distribuír entre os concellos e entidades da provincia.

Videoconferencia

O portavoz do Grupo Provincial Popular, Javier Castiñeira, solicitou por terceira vez ao presidente do organismo provincial que o próximo Pleno, previsto para o día 2 de abril, se celebre mediante videoconferencia ou fórmula similar, pero non de xeito presencial, tanto por motivos de seguridade, como pola mala imaxe que daría da institución que non se respectasen as normas impostas para evitar contaxios nestas gravísima crise provocada polo coronavirus.

Castiñeira destaca que, aínda no contexto da crise sanitaria, as institucións teñen que desenvolver o seu traballo de maneira tan intensa e eficaz como resulte posible, e para elo o PP mostra a súa total disposición e colaboración. Pero destaca igualmente que é necesario que os organismos públicos non entren en contradición coas disposicións establecidas a nivel nacional para evitar os contaxios. De celebrarse a sesión de xeito presencial, habería no salón de plenos non menos de 30 persoas procedentes de distintos puntos da provincia.

Os populares entenden que a Deputación dispón de medios técnicos sobrados para que a sesión plenaria se celebre por vía telemática; os investimentos feitos en novas tecnoloxías nos últimos anos superan os 25 millóns. Neste sentido, recordan que o organismo provincial leva investidos moitos miles de euros en novas tecnoloxías. Destaca igualmente o feito de que, durante a presidencia do socialista José Ramón Gómez Besteiro, a Deputación levou a cabo, por medio do programa Innovate, unha cuantiosa inversión en medios técnicos para os concellos da provincia. Polo tanto, segundo Castiñeira, non debería haber problema algún para dispoñer dos medios técnicos necesarios para que a sesión se celebre por videoconferencia.

0.11601305007935