A Deputación destina máis de 1,76 millóns de euros aos servizos sociais de Ferrolterra, Eume e Ortegal

TerraChaXa | FerrolXa
Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño e Valdoviño recibirán financiamento para máis de 76.900 horas de axuda no fogar e 26 postos de traballo en 2027
DIPU CORU reunion rianxo
19 Nov 2026

A Deputación da Coruña destinará 1.760.954 euros aos servizos sociais de once concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal durante o ano 2027. A achega permitirá financiar preto de 77.000 horas de atención no fogar e 26 postos de persoal administrativo e técnico nos equipos municipais, dentro do Programa de Servizos Sociais Comunitarios.

O investimento distribuirase entre Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño e Valdoviño. As bases da convocatoria foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia e contemplan un incremento da achega provincial para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de libre concorrencia, que pasa de 14 a 16 euros por hora.

A suba do 14,3 % busca reforzar o financiamento municipal dunha prestación que permite que persoas maiores ou con necesidades de apoio poidan continuar vivindo nas súas casas. A Deputación prevé destinar máis de seis millóns de euros a este servizo no conxunto da provincia.

Ares será o concello da zona con maior número de horas de atención no fogar previstas, con 15.000, e recibirá unha achega total de 280.000 euros. Neda contará con 12.000 horas de SAF e 221.000 euros, mentres que As Pontes disporá de 10.300 horas e 208.800 euros.

En Fene, a previsión contempla 8.000 horas de atención no fogar e un investimento de 208.000 euros. Ortigueira recibirá 162.000 euros para 6.000 horas, Pontedeume contará con 165.200 euros para 6.200 horas e Mugardos disporá de 153.478,40 euros para 6.842 horas.

O financiamento tamén chegará a Cabanas, con 136.876 euros para 6.054,75 horas; Cedeira, con 72.000 euros para 2.000 horas; Valdoviño, con 97.600 euros para 3.600 horas; e San Sadurniño, con 56.000 euros para 1.000 horas de atención domiciliaria.

Máis recursos para os servizos sociais municipais

O programa da Deputación da Coruña contará en 2027 cun orzamento global de 9,63 millóns de euros, un 9 % máis que este ano. A convocatoria está dirixida aos 82 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes e permitirá financiar preto de 380.000 horas de atención a domicilio e 177 postos de traballo nos servizos sociais municipais.

Ademais dos recursos destinados ao SAF, a Deputación reservará 3,55 millóns de euros para financiar os salarios e as cotizacións á Seguridade Social de 177 profesionais, dos que 86 son administrativos e 91 persoal técnico.

A achega anual para unha xornada completa será de 18.000 euros por posto administrativo, 22.000 euros por posto técnico A2 e 26.000 euros por posto técnico A1. No caso do persoal a tempo parcial, o financiamento axustarase á dedicación aos servizos sociais, que deberá ser como mínimo da metade da xornada.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase o próximo 25 de novembro e rematará o 18 de decembro.

0.15795493125916