A Deputación destina o 33% do seu orzamento de 2020 a politicas sociais
A Deputación de Lugo consolídase como referente en políticas sociais destinando a este eido o 33% do Orzamento do 2020, que ascende a 91.742.793,61 euros, incluído o da propia entidade provincial, o de Suplusa e o do Consorcio de Bombeiros. Así o explicou o presidente, José Tomé Roca, que, xunto á vicepresidenta, Maite Ferreiro, e a Deputada de Economía, Facenda, Recadación e Contas, Mayra García, presentou este mércores no Salón de Actos o proxecto de Orzamentos do vindeiro ano.
Tomé Roca convocou xa a Comisión de Contas para o vindeiro luns, co fin de someter a debate e aprobación as contas nun Pleno extraordinario o xoves da vindeira semana, 5 de decembro. Deste xeito, “cumpriremos co obxectivo que nos marcamos ao principio do mandato de ter en vigor os orzamentos dende primeiros de ano, pois só desta forma son verdadeiramente eficaces e cumpren cos obxectivos para os que están elaborados”, afirmou o presidente.
Os presupostos aumentan 3,2M€, preto dun 4%, con respecto aos deste 2019, un incremento debido fundamentalmente á subida da participación nos tributos do Estado.
No Orzamento de 2020 reflíctese a decisión de disolver a Sociedade Urbanística Provincial, Suplusa, e elimínase a achega da Deputación ao ente mercantil porque, ao estar en fase de liquidación, non é necesario aportar fondos tendo en conta ademais os recursos existentes na propia sociedade.
O presidente subliñou que o Orzamento 2020 “está pegado á realidade da provincia e aplica a través da cooperación cos concellos políticas progresistas para favorecer a cohesión social, o equilibrio territorial e o impulso da economía e o emprego, mantendo ao mesmo tempo a consolidación e a solvencia da Deputación en termos económicos financeiros”. Así, o organismo provincial, afirmou, contribúe a “mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia e a fixar poboación, axudando a combater coas ferramentas que temos a grave caída demográfica que estamos a sufrir”.
Para iso, asegurou José Tomé, os presupostos potencian catro grandes liñas de actuación. A prioritaria son as políticas sociais, para o están destinadas partidas que superan os 30 millóns de euros, o que represente preto do 33% do total dos presupostos.
Rede de Protección Social
Tal e como destacou o presidente, a de Lugo é hoxe unha das poucas deputacións de toda España “cunha ampla Rede de Protección Social, que, non só favorece o benestar e a conciliación, senón que xera actividade económica e emprego sostible na nosa provincia”. De feito, as prestacións sociais financiadas pola entidade provincial manteñen máis de 300 postos de traballo.
Os Orzamentos do vindeiro ano destinan 9 millóns de euros para os Centros de Atención a Maiores, a partida necesaria para o funcionamento das tres residencias abertas –Pol, Trabada e Ribadeo- e para a apertura das da Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, así como, se fose posible, as de Meira e Ribas de Sil.
O presidente reiterou de novo que o Goberno provincial seguirá adiante con todos os compromisos adquiridos cos concellos, pero, ao mesmo tempo, “dende a lealdade institucional e a través do diálogo, esixiremos á Xunta de Galicia que asuma a súa responsabilidade en materia de servizos sociais”.
Xunto ás residencias, o Orzamento dota de recursos aos outros dous servizos que basicamente conforman a Rede de Protección Social da Deputación: a Teleasistencia Domiciliaria (375.000 euros), que pasa a contar cun 13% máis de prazas ofertadas, ata chegar a cerca das 2.000, e o Servizo de Axuda no Fogar, con 1,3 millóns de euros, achegados aos concellos a través do Plan Único.
Tamén dentro das políticas sociais, o Orzamento do 2020, segundo explicou José Tomé, reserva 5M€ para impulsar a creación de emprego a través de liñas de axuda para a contratación de desempregados, plans de formación ou apoio ao emprendemento, ben de xeito directo ou a través da cooperación cos Concellos.
A defensa do Goberno provincial dunha educación pública, gratuíta e universal como base da igualdade de oportunidades plásmase tamén nos Orzamentos cunha dotación económica de 2,6 millóns de euros, dos que máis da metade -1,5 millóns de euros- está destinado ó Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais, o único con esta titulación que existe na provincia, e que ademais é público e con matrícula gratuíta, agás para os repetidores.
Cooperación cos concellos
A cooperación cos concellos é unha política transversal da Deputación que ten como un dos principais instrumentos en torno aos que se artella o Plan Único, que contará o vindeiro ano cunha dotación económica de algo máis de 20 millóns de euros, entre a partida consignada nos Orzamentos (11,2 millóns de euros) e a previsión de incorporación de remanentes, o que supón un incremento con respecto ao 2019.
Este programa de investimentos municipais establecerá “un reparto transparente, equitativo e xusto dos fondos públicos da Deputación con criterios obxectivos, aprobados no Pleno, entre os 67 concellos da provincia”, indicou José Tomé.
Os fondos do Plan Único estarán destinados á dotación e mellora de servizos e infraestruturas públicos; o Servizo de Axuda no Fogar; creación de emprego; promoción de actividades turísticas, culturais e deportivas; para avanzar na administración electrónica e para soster outros servizos como Protección Civil.
O presidente pediu unha vez máis á Xunta de Galicia “que tome nota e elimine xa a política discrecional que está a practicar no reparto dos fondos públicos, discriminando aos concellos que non son da súa mesma cor política”.
Mellora da rede viaria
Dende o convencemento de que a mobilidade “é un dereito máis da cidadanía e un factor esencial para garantir a cohesión social, territorial e económica da provincia de Lugo”, a Deputación sitúa a mellora da rede viaria como unha prioridade nos Orzamentos do 2020, destinando preto de 14M€ entre operacións de mantemento e de conservación, obra nova ou a través do Parque Móbil, outra das importantes ferramentas de cooperación que temos a disposición dos Concellos.
O presidente destacou co “importante esforzo económico que fai a Deputación para atender o mellor posible as estradas, tendo en conta que conta coa maior rede viaria provincial de España, con 4.200 quilómetros, e tres veces superior á da Xunta en Lugo”.
Impulso dos sectores produtivos: primario e turístico
Froito da “visión clara de cales son as oportunidades económicas da provincia”, a Deputación incide no Orzamento 2020 no impulso dos sectores produtivos, nomeadamente do primario e o turístico.
Así, os presupostos contemplan 2 millóns de euros, destinados, entre outras actuacións a potenciar o Centro de Recría de gando vacún de leite, o primeiro de carácter público que se abriu en España, no que a día de hoxe xa son máis de 1.100 becerras de 50 explotacións da provincia as que se están a recriar; poñer en marcha e manter o funcionamento da Granxa Experimental de Leite, o primeiro centro de investigación sobre o sector lácteo da provincia; impulsar a creación nas instalacións provinciais da Granxa Gayoso dunha explotación de porco celta que potencie a cría e a comercialización da única raza porcina autóctona de Galicia; implantar na Finca de Tor novas actividades relacionadas coa produción ecolóxica; activar novas liñas de axuda aos produtores para que poidan aumentar a base territorial das súas explotacións; e apoiar a actividade do sector primario con axudas económicas ao tecido asociativo.
Outra das grandes apostas da Deputación no eido económico para a provincia é o sector turístico a través da promoción do territorio, ao que dedica máis de 2,4 millóns de euros nos Orzamentos. No ano 2020, explicou o presidente, “seguiremos impulsando actuacións no marco do Plan Estratéxico de Turismo, especialmente dirixidas a incorporar as innovacións tecnolóxicas ao sector, co fin de mellorar a difusión e o acceso á oferta, así como a experiencia do visitante”.
Así mesmo, continuou, “daremos un novo impulso á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade para culminar un percorrido que abrimos dende a Deputación no ano 2011, e ao que logo se sumaron outras institucións, como a Deputación de Ourense ou a Xunta de Galicia”.
Dende a Deputación de Lugo, asegurou José Tomé, “traballaremos para que a provincia teña un papel central de cara ao Xacobeo 2021 e poida aproveitar todo o enorme potencial que representa o turismo vinculado ao Camiño de Santiago, en todas as súas variantes”.
O presidente anunciou tamén que Lugo formará parte o vindeiro ano da Rede Europea de Itinerarios Culturais, o que terá un efecto positivo en toda a provincia e, especialmente, na Ribeira Sacra.
PARTIDO POPULAR
"Ao presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, pásalle o mesmo que aos políticos que se definían como representantes da nova política. Nin se viu nada que poida definirse como nova política en España nin na Deputación cambiaron verdadeiramente as formas, por máis que o aseguren o presidente e o seu equipo. De novo incorre en desconsideración coa oposición, porque o proxecto de orzamento para 2020 foi presentado antes aos medios de comunicación que ao PP, que é o partido con máis ampla representación no organismo provincial. As vellas formas seguen vixentes. E tamén a política orzamentaria, porque José Tomé fixo, pouco máis ou menos, un corta-pega do presuposto do ano en curso, corrixindo aquilo que, por forza, ten que cambiar, como o que implica a disolución de Suplusa", indicaron dende o Partido Popular provincial. Para eles "este proxecto de orzamentos demostra o que vén dicindo: o presidente, José Tomé, só buscaba conseguir o sillón, porque, como se ve no proxecto das grandes contas para 2020, non ten ganas de traballar e carece de proxecto para a provincia".
Segundo explican, o importe total do orzamento (91,7 millóns) é superior en só 3,2 millóns ao de 2019, e iso porque, como recoñece o propio goberno provincial, hai un incremento na participación dos tributos do Estado, practicamente pola mesma contía. É altamente significativo o que reflexa o capítulo de inversións reais (VI), que só se incrementa en 269.518 euros. "É fácil sacar conclusións, máis aínda se este ano non hai que dedicar recursos significativos a Suplusa, en tanto que esta sociedade está en pleno proceso de liquidación. É chamativo o feito de que diminúe en 854.059 euros a cantidade destinada en este capítulo concreto a estradas provinciais que, incluíndo expropiacións, queda en pouco máis de 3,4 millóns. Iso si, na memoria do orzamento, o goberno provincial asegura que destina case 14 millóns á mellora da rede de estradas provinciais no conxunto do orzamento", din.
Unha das graves eivas que, a xuízo do Grupo Provincial Popular, ten este proxecto orzamentario é que non considera prioritaria a intervención decidida do organismo provincial para facer fronte ao grave problema de despoboación da provincia. De feito, na memoria orzamentaria, de ton inxustificadamente triunfalista, só se fai unha brevísima referencia a «fixar poboación», e é de pasada ao referirse a que, segundo o goberno, estas grandes axudan «a combater coas ferramentas que temos a grave caída demográfica que estamos a sufrir». Pero, como sempre, unha cousa é predicar e outra dar grao; aquí, predícase, si, pero grao non hai ou hai moito menos do que é preciso nas actuais circunstancias.
Se hai un apartado do orzamento que resulte de moi especial importancia para os concellos da provincia é o Plan Único. Segundo se indica na memoria do proxecto de orzamento, neste consígnanse 11,2 millóns, pero a cantidade total final será de 20 millóns, mediante a adición de remanentes hasta alcanzar dito total. Polo tanto a cantidade que se reflexa no proxecto orzamentario (11,2 millóns) é practicamente igual á reservada no orzamento inicial do 2019. Dadas as necesidades da provincia, considerando á situación económica da Deputación e tendo en conta que o entorno económico actual é mellor do que se prevé a medio prazo, o deseño orzamentario do Plan Único para o 2020 resulta moi pouco ambicioso e limítase a dar continuidade ao trazado polo anterior goberno provincial. O Grupo Provincial do PP «agradece que se respecte o Plan Único» e aclara: «Non pasariamos por menos».
Tampouco hai cambio significativo no importe total destinado á residencias de maiores, que no orzamento de 2020 conta con nove millóns de euros. Esta vez parece que parte dos recursos se destinarán a apertura dos centros de A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita. Sen tempo non é, porque por exemplo no caso de Castroverde o edificio leva inaugurado desde o 2015. A apertura das residencias é unha necesidade inaprazable nunha provincia con poboación envellecida como é a de Lugo.