A Deputación destina un millón de euros a estradas na Terra Chá e en Viveiro

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
A Xunta de Goberno licitou este venres un proxecto por case 250.000 euros para dúas vías provinciais en Abadín e tamén adxudicou obras en Vilalba, Guitiriz, Castro de Rei e Viveiro por case 735.000 euros
miguel-fernandez-xunta-de-goberno-deputacion
10 Jul 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu este venres un novo impulso á mobilidade da provincia coa activación de preto dun millón de euros destinados á renovación de seis estradas provinciais da comarca da Terra Chá e da Mariña. O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, deu conta destas novidades tras a reunión da Xunta de Goberno.

Nese sentido, avanzou que se licitou un novo proxecto por un importe de 249.465,92€ para arranxar dous treitos de dúas estradas do Concello de Abadín. Un primeiro tramo de case quilómetro e medio da LU-P-0101, que vai desde o núcleo de Gontán ata Ferreira do Valadouro. Unha estrada que dá acceso a unha gran cantidade de servizos, como a área recreativa de Gontán e diferentes rutas de sendeirismo moi empregadas por residentes e visitantes. As obras realizaranse desde o punto quilométrico 4,770 ata o 6,200.

O segundo tramo que se vai acondicionar con este proxecto é de algo máis dun quilómetro e medio da LU-P-3106, a vía que une Os Remedios con Romariz pasando por Estelo. O treito que se vai mellorar vai desde o final da estrada -no cruce coa LU-P-0101- ata o punto quilométrico 14,850.

As obras para ambas vías teñen un prazo de execución de 4 meses e consistirán na reapertura de cunetas, na pavimentación con aglomerado en quente e na sinalización.

A Xunta de Goberno adxudicou ademais catro proxectos de mellora da rede provincial cun investimento total de 734.853,70 euros e catro meses de execución unha vez comecen.

Concretamente, no concello de Vilalba, a empresa MANTENIMIENTO FORESTAL MG SL executará por 162.489,69€ a rehabilitación da LU-P-6511, que conecta Belesar por Distriz. Con este proxecto acondicionaranse case cinco quilómetros desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 4,837. As obras permitirán a mellora da seguridade viaria, renovando o pavimento deteriorado e actuando na drenaxe das vías; incrementando así a súa durabilidade.

En Guitiriz adxudicouse por 206.789€ á empresa OVISA PAVIMENTOS Y OBAS SLU unha actuación para renovar un tramo de máis de catro quilómetros da LU-P-2207, do quilómetro 7,118 ao 11,472, que comunica as parroquias de Coea e Buriz. Esta estrada é moi empregada pola veciñanza para acceder a servizos básicos, pois conecta estas parroquias coa estrada autonómica LU-170. A actuación contempla a reapertura de cunetas e a pavimentación con aglomerado en quente.

En Castro de Rei, a empresa CHOLO SL será a encargada de acometer a rehabilitación dun tramo da LU-P-1112, a vía que vertebra Muimenta e Pacios, por 228.840,46€. O proxecto inclúe a limpeza de cunetas para mellorar a evacuación das augas, o acondicionamento do firme con aglomerado en quente e o pintado da sinalización horizontal. O treito que se vai acondicionar vai desde o inicio da estrada ata o punto quilométrico 3,981€.

Por último, en Viveiro tamén a empresa CHOLO SL mellorará con 136.734,55€ un tramo da LU-P-6612 que dá acceso ao porto de Celeiro, desde a autonómica LU-862 ata a Confraría de Pescadores. As obras consistirán na renovación completa do firme mediante o fresado do pavimento existente, limpeza de cunetas e a drenaxe para evitar problemas de asolagamentos con choivas. Tamén se pavimentará con aglomerado en quente e renovará a sinalización horizontal e vertical da vía.

0.13416194915771