A Deputación dotará de desfibriladores a 49 concellos

TerraChaXa | LugoXa
14 Feb 2020

O presidente da Deputación, José Tomé, informou este venres da aprobación na Xunta de Goberno do convenio marco que permitirá poñer en marcha o programa Lugo, Provincia Cardioprotexida, unha iniciativa a través da que a institución provincial dotará de desfibriladores Semiautomáticos (DESA) aos 49 concellos que decidiron sumarse a este iniciativa, e que leva aparellada a formación necesaria a persoal municipal para o seu manexo.

Deste xeito, a Deputación contribuirá a mellorar a protección dos veciños e veciñas da provincia ante posibles fallos cardíacos cunha medida “que vai na liña do que recomendan as organizacións de profesionais sanitarios”, asegurou José Tomé, lembrando que esta mesma semana a Sociedade Española de Medicina de Emerxencias de Galicia abordou nun encontro a necesidade de promover a dotación de desfibriladores Semiautomáticos nos concellos para crear municipios cardioprotexidos.

A Deputación investirá 60.000 euros para a contratación conxunta do subministro de desfibriladores, un por cada concello que decidiu adherirse a este proxecto, así como da formación para o seu uso.

O presidente asegurou que Lugo, Provincia Cardioprotexida “enmárcase dentro da aposta deste Goberno provincial polas políticas sociais, un eido ao que destinamos o 33% dos Orzamentos deste 2020 –máis de 30M€-, e tamén do noso compromiso firme coa que entendemos que é a principal función da Deputación: a cooperación cos concellos para que poidan prestar servizos públicos aos seus veciños e veciñas da mellor calidade e aforrando custes”.

Unha vez que o convenio marco foi aprobado hoxe pola Xunta de Goberno, a Deputación de Lugo firmará un acordo de colaboración con cada un dos concellos participantes. Será entón cando estes designarán ás persoas que deberán recibir a formación. Paralelamente iniciarase o procedemento para a contratación conxunta do subministro dos desfibriladores. A previsión é que este programa de protección da saúde pública estea en funcionamento antes de que remate o ano.

A atención inmediata, vital

Os expertos en cardioloxía aseguran que, en situación de parada cardiorespiratoria, cada minuto que pasa sen atención diminúe nun 10% a probabilidade de supervivencia. Ao cabo de dez minutos, as posibilidades son mínimas, polo que a reanimación debe comezar de forma inmediata ou o máis rápido posible. Por iso, dixo Tomé, “é tan importante contar con equipos desfibriladores nas instalacións e espazos públicos para reducir ao mínimo posible o tempo de reposta ante unha parada respiratoria. Estamos falando da diferencia entre a vida ou graves secuelas, ou mesmo a morte”.

Serán os propios concellos os que decidan onde colocan os desfibriladores, que poderán situar en calquera instalación de titularidade municipal onde sexa útil, como por exemplo, nos consistorios, pavillóns deportivos, centros sociais ou casas da cultura. Os concellos ocuparanse da instalación do equipamento e deberán adscribir o persoal necesario para o seu manexo, así como asumir os gastos de mantemento.

Os municipios que optaron por sumarse a Lugo, Provincia Cardioprotexida representan preto do 72% dos de toda a provincia. Son Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada,  O Valadouro, O Vicedo e Viveiro.

0.16263699531555