A Deputación engade 27 prazas pendentes ao programa Ben Empregado
A deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, informa de que a Deputación xa convocou as 27 prazas pendentes de cubrir no programa de emprego Ben Empregado 4, máis social. Logo da selección de 154 lucenses desempregados para cubrir outras tantas prazas en empresas e asociacións participantes no programa de emprego da Deputación, que conta cunha dotacion económica de 2,2 millóns de euros, vén de facerse pública unha nova convocatoria para a contratación doutras 27 persoas que estean no paro.
López Izquierdo destacou que “na Deputación apostamos pola xeración de postos de traballo dignos na provincia e o Ben Empregado é un bo exemplo de como se deben facer as cousas, pois nós, que non temos competencias en políticas de emprego, temos conseguido na primeira e segunda edición do Ben Empregado conseguimos unha inserción laboral do 35%, grazas ao cal 171 persoas continuaron traballando logo de rematar o período de 1 ano subvencionado pola Deputación”.
As persoas que estean interesadas en optar a estes postos de traballo teñen de prazo ata o día 23 de maio. Para presentar as súas candidaturas deben inscribirse na Axencia de Colocación da Deputación, poden facelo en persoa ou ben telemáticamente a través da páxina web http://benempregado.deputacionlugo.org/index.php.
e teñen que aportar unha Vida Laboral actualizada e un CV.
Os postos que se ofrecen son 22 para traballadores en xeral e 5 para persoas con capacidades diferentes ou de difícil integración laboral. As prazas convocadas son as seguintes: en Sarria esteticista e cociñeiro/a, en Baralla oficial de 2ª chapista pintor de vehículos e peón (chapa, pintura e soldadura), en Antas de Ulla motoserrista forestal, en Ribadeo, axudante de cociña e profesor/a de autoescuela; en Monforte de Lemos, oficial 1ª servizos múltiples de construción; en O Incio, oficial 2ª condutor/a autobús e especialista en rehabilitación de pedra granítica; en A Fonsagrada, oficial 2ª despezador e axudante de cociña; en Taboada, camioneiro/a; en Lugo, perruqueiro/a, comercial, mecánico/a, fisioterapeuta (media xornada), programador/a, cociñeiro/a-camareiro/a e graduado/a social-relacións laborais (contrato en prácticas); en Burela, cociñeiro/a; na Pastoriza, mecánico/a oficial 1ª; en Rábade, mecánico/a vehículos industriais; en Vilalba, fisioterapeuta (media xornada) e perruqueiro/a; en Monterroso, axudante electricista, e no Corgo, axudante de cociña.
Axudas de ata 22.000 euros
O Ben Empregado 4, máis social inclúe axudas dun máximo de 22.000 euros, dirixidas a empresas e colectivos de toda a provincia, para a contratación, durante 1 ano, de novos traballadores cos que, ademais de facer fronte á taxa de paro, contribúese á actividade de autónomos, PEMES e asociacións lucenses. O organismo provincial asume ao 100% os custes laborais dos traballadores con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral, ao 90% a contratación de novos empregados en asociacións da provincia e o 50% do resto dos traballadores.
Dos 154 novos postos de traballo que acaban de crearse, aos que se sumarán os 27 que acaban de convocarse, 79 son en empresas e colectivos sen ánimo de lucro de concellos da Comarca de Lugo, 24 da Comarca da Terra Chá, 18 en concellos de Lemos e Chantada, 11 son na Mariña, 10 na da Montaña, 9 na de Sarria e 3 na da Ulloa.