A Deputación financiará o equipamento de O Muíño a través dun convenio co Concello de Meira

A xunta de Goberno acordou dar luz verde a diferentes convenios de colaboración cos concellos de Quiroga, Meira e Antas de Ulla para diferentes actuacións.
O acordo co Concello de Meira servirá para que a institución provincial financie con 130.719,57 euros o equipamento do restaurante de propiedade municipal O Muíño. Esta contía permitirá completar a posta a punto das instalacións para que, a continuación, o Concello poida sacar a licitación a súa explotación. O obxectivo é avanzar na recuperación deste establecemento hostaleiro, moi valorado polos veciños de Meira e da contorna polas súas características e porque se atopa nunha contorna de especial interese, o parque Profesor Río Barja, atravesado polo río Miño.
O investimento destinarase fundamentalmente á adquisición e instalación de equipamento de cociña e de bar. Esta nova achega súmase aos 49.980,66 euros que a Deputación de Lugo destinou tamén a este Concello para a rehabilitación da cociña e o peche da terraza do restaurante.
Con estas intervencións, a Deputación apoia a recuperación dun local de titularidade municipal que leva máis de tres anos pechado. As melloras realizadas permitirán dispoñer dunhas instalacións renovadas e mellor equipadas, xa que a actuación inclúe o cerramento da terraza superior, de cara a unha nova licitación, co obxectivo de recuperar un servizo hostaleiro que contribúa á dinamización social, económica e turística da localidade.