A Deputación impulsa o emprego feminino no rural coa Asociación de Empresarias
O presidente da institución provincial, José Tomé Roca, e a presidenta de AELU, Anjhara Gómez Rodríguez, asinaron un acordo co que este colectivo recibirá 40.000€ para desenvolver o programa Aulas Abertas, que, a partir do vindeiro outono, ofrecerá formación gratuíta a un cento de mulleres e fomentará o networking.
O presidente da Deputación de Lugo, Jose Tomé Roca, e a presidenta da Asociación de Empresarias da Provincia de Lugo (AELU), Anjhara Gómez Rodríguez, asinaron este martes na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un novo acordo entre ambas entidades para impulsar o emprego feminino no rural da provincia. A institución provincial achega así preto de 40.000€ para a posta en marcha do programa Aulas Abertas, mentres que AELU aporta máis de 2.000€.
Esta iniciativa nace co obxectivo de formar e crear networking a través de obradoiros nos que se amosará de maneira gratuíta ás participantes as posibilidades de diversificar as súas actividades profesionais. Deste xeito, foméntase o empoderamento persoal, facilítase o coñecemento do mundo empresarial e do emprendemento e ofrécense técnicas para desenvolver as capacidades e potencialidades das participantes.
José Tomé destacou a importancia deste acordo, que busca seguir “fortalecendo e diversificando o tecido produtivo da provincia a través do apoio a proxectos empresariais e emprendedores liderados por mulleres, o que favorece a xeración de riqueza e emprego, e, polo tanto, fixar poboación”.
Aulas Abertas conta con tres áreas educativas principais: a transformación de produtos agrogandeiros, o aproveitamento de recursos e a creación dunha imaxe nas redes, que suman 150 horas. Ademais, compleméntase con conversas con emprendedoras. Esta formación estará impartida por un técnico de emprendemento e un técnico en informática.
Aulas Abertas comezará no outono e AELU estima que serán arredor dun cento as mulleres beneficiarias desta iniciativa.