A Deputación inicia as obras da nova ponte sobre o río Azúmara, entre Castroverde e Pol

A Deputación de Lugo iniciou os traballos para construír unha nova ponte sobre o río Azúmara no cinto comarcal, na estrada provincial LU-P-1611, cun investimento total de 650.000 euros. Co obxectivo de facilitar a execución das obras, a vía permanecerá pechada ao tráfico, excepto para os residentes, e a circulación desviarase entre a parroquia de Mosteiro, en Pol, e Castroverde pola estrada provincial LU-P-1204.
A presidenta da institución provincial, Carmela López, destacou a relevancia desta actuación, sinalando que suporá unha mellora significativa para a circulación nese punto da estrada. Segundo explicou, a ampliación da vía permitirá dispoñer dunha plataforma con mellores prestacións e maior capacidade nun tramo que soporta un volume elevado de tráfico. Ademais, puxo en valor o esforzo realizado pola Deputación para manter e conservar esta estrada de 131 quilómetros de lonxitude, incidindo especialmente na necesidade de actuar sobre un dos seus puntos máis problemáticos.
O actual paso sobre o río Azúmara está considerado un dos treitos máis estreitos e complexos da LU-P-1611 debido á reducida dimensión da plataforma, unha circunstancia que dificulta o cruce de vehículos e condiciona a seguridade da circulación.
Os traballos centraranse nun tramo de algo máis dun quilómetro, entre os puntos quilométricos 106,5 e 107,8 ao seu paso polo municipio de Castroverde, cun prazo estimado de execución de nove meses. As actuacións inclúen a demolición da antiga ponte, a preparación do terreo e a construción dunha nova plataforma que incrementará o seu ancho en seis metros respecto da actual, alcanzando os 11 metros totais. Tamén se renovará a sinalización viaria.
Unha vez rematada a intervención, executaranse distintas medidas ambientais destinadas á recuperación da contorna, entre elas a sementeira dos taludes para favorecer a recuperación da cuberta vexetal e a plantación de novas árbores.
O cinto comarcal constitúe unha infraestrutura estratéxica para as comunicacións da provincia de Lugo ao conectar de maneira directa once concellos e enlazar con vías autonómicas e nacionais como a A-6, a A-54 e a N-540. Desde o ano 2020, a Deputación realizou actuacións de mellora en máis de 42 quilómetros desta estrada, o que representa preto do 36% do seu percorrido total, cun investimento próximo aos cinco millóns de euros.