A Deputación inicia as obras de mellora do firme en tres estradas provinciais ao seu paso por Meira

A Deputación de Lugo vén de poñer en marcha as obras de mellora do firme en tres estradas provinciais que discorren polo concello de Meira, dentro dun plan de actuación que busca optimizar a seguridade e o estado da rede viaria da zona.
As intervencións afectan á LU-P-3003, que une a vila de Meira coa N-640 á altura de Leiras e será renovada na súa totalidade; á LU-P-3005, entre Couso e Vilar de Corota, que tamén será acondicionada por completo; e á LU-P-4806, que conecta Vilaxe con Galegos e Ribeira de Piquín, e que será rehabilitada no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 14,6 e 20,3 dentro do municipio.
Os traballos abranguen tres das seis estradas provinciais que atravesan Meira e contan cun investimento de 221.397,2 euros por parte da institución provincial. Nestes días iniciáronse as primeiras actuacións coa reapertura de cunetas, e o proxecto inclúe tamén a reparación de danos no firme, a repavimentación e a renovación da sinalización vertical. A empresa encargada da execución é Construcciones Carballeira SL, que dispón dun prazo de mes e medio para completar as obras.
Estas vías desempeñan un papel esencial tanto na mobilidade interna do municipio como na conexión comarcal, ao vertebrar o territorio e facilitar o acceso entre parroquias e núcleos dispersos de poboación. Ademais, resultan fundamentais para a comunicación entre explotacións agrícolas e gandeiras, polo que esta actuación permitirá mellorar de forma significativa a seguridade e a comodidade de ducias de veciños e veciñas.