A Deputación intégrase na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou este venres incorporarse como membro institucional á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, un ente de ámbito estatal que está coordinado pola Secretaría de Estado de Turismo. A voceira do Goberno socialista, Pilar García Porto, explica que se “trata dunha adhesión que non supón ningún compromiso económico pero que si que estamos convencidos de que repercutirá positivamente na chegada de visitantes á nosa provincia, pois faremos de Lugo un destino moito máis atractivo”.
García Porto insistiu na importancia que ten para a Deputación de Lugo formar parte desta rede que “ten como obxectivo impulsar a innovación e a tecnoloxía no ámbito do turismo en España e contribuír desta maneira a que os destinos sexan máis competitivos”. A voceira do Goberno socialista e tamén titular da área de Promoción do Territorio e Turismo, describiu diferentes iniciativas que se están desenvolvendo neste senso, como a implantación dun sistema de información turística intelixente, a través de plataformas que estarán dispoñibles en diferentes dispositivos portátiles.
Ademais, “este tipo de accións estanse completando coa instalación dunha rede de sinalización turística intelixente nos Concellos adheridos, unha forma de achegarlle aos visitantes a información turística relevante dun xeito innovador”, sinalou García Porto. “Con estas accións iniciais, evidenciamos que temos un claro interese por apostar e empregar o uso das novas tecnoloxías como ferramenta de consolidación do turismo no territorio. Son unhas actuacións que queremos que se vexan potenciadas grazas a esta integración dentro da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes”, subliñou.
A día de hoxe forman parte desta Rede de Destinos Turísticos Intelixentes 73 destinos de España, dos cales cinco están en Galicia (Concello de Ourense, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e as Deputacións de Pontevedra e de Ourense).