A Deputación investirá no amaño da cuberta da casa da cultura de Vilalba

TerraChaXa
José Tomé Roca visitou este xoves as instalacións vilalbesas acompañado por Marta Rouco Seoane e o arquitecto municipal
visita-casa-da-cultura-vilalba-tome
7 Nov 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco Seoane, anunciaron este xoves na capital chairega un acordo de colaboración entre ámbalas dúas institucións para mellorar, con máis de 133.000 euros, a cuberta da Casa da Cultura. Acompañounos o arquitecto municipal para darlles a coñecer as necesidades desta instalación, situada no centro da vila, e que segundo o mandatario provincial “é fundamental na dinamización social e cultural da veciñanza”.

Tomé Roca enmarcou esta colaboración na política de cooperación “aberta e leal” que mantén cos 67 concellos da provincia porque “é a maneira de prestar o mellor servizo aos máis de 320.000 veciños e veciñas do noso territorio”. Destacou que este acordo “servirá para mellorar as condicións dun edificio emblemático como é a Casa da Cultura de Vilalba que, tal e como me comentou a Alcaldesa, empregan a diario moitos veciños e veciñas porque acolle actividades culturais e sociais de todo tipo”.

Detallou o presidente que se está a traballar nos termos da colaboración, pero a idea é que a Deputación asuma preto do 80 % do investimento, asumindo o Concello de Vilalba o 20% restante.

O edificio, construído en 1986 sobre un antigo cárcere, ten unha superficie de 777 m2 e acusa a falta de mantemento, con diferentes danos por filtracións de auga en lucernarios e cubertas. As actuacións previstas no proxecto de mellora son: a instalación dunha nova cuberta de zinc, substitución de baixantes, canlóns e os lucernarios existentes de policarbonato por uns de vidro. Tamén se mellorará parte do alumeado e do saneamento, actuacións na recollida de lixo e os acabados cun illamento térmico baixo cuberta.

Marta Rouco agradeceu a colaboración da Deputación e valorou durante a visita que este acordo “permitirá rematar dunha vez por todas cos problemas de auga na Casa da Cultura. Unha obra moi necesaria, que leva moitos anos pendente de facerse e porque é moi utilizada porque acolle moitos servizos como a hemeroteca, a oficina de turismo, que ten salón de actos e sala de exposicións e mesmo é utilizada como sede dalgunha asociación local”. Explicaba a rexedora que xunto co auditorio municipal, que acolle os actos de maior envergadura, a Casa da Cultura situada na praza Suso Gayoso é o espazo no que se concentran a maioría das actuacións públicas do municipio.

0.1654748916626