A Deputación inviste 150.000€ na mellora da Granxa Gayoso Castro

TerraChaXa | LugoXa
A Deputación de Lugo investirá preto de 150.000€ en diferentes actuacións para o funcionamento e mellora da Granxa Gayoso Castro.
granxa gayoso castro inauguracion
16 May 2021

A Xunta de Goberno aprobou a contratación dos servizos de control sanitario, leiteiro e mantemento do robot de muxido para o centro experimental de leite, que xa está a funcionar ao 100% da súa capacidade e conta con 500 alumnos de prácticas da USC.

A Deputación de Lugo investirá preto de 150.000€ en diferentes actuacións para o funcionamento e mellora da Granxa Gayoso Castro. A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou, por unha banda, a licitación do contrato para a prestación dos servizos de control sanitario, leiteiro e mantemento do robot de muxido para o centro experimental de leite. Tamén quedou adxudicado o servizo de ensilado de 80 hectáreas de herba para alimentar aos animais durante todo o ano e deuse luz verde ao último paso administrativo para acometer a reparación das cubertas de varias naves afectadas polo mal tempo.

A Deputación licita por un importe de preto de 40.000€ e un prazo de dous anos de duración o  contrato dos servizo referidos ao robot de muxido da Granxa Experimental de Leite, unha actuación importante porque estas instalacións provinciais que se abriron a finais do ano pasado xa están a funcionar ao 100% da súa capacidade, cunha produción media de 37,9 quilos de leite por vaca ao día. Estas instalacións provinciais acollen tamén a 500 alumnos e alumnas que están a completar prácticas do grao de Veterinaria no Campus de Lugo.

Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou a adxudicación do servizo de ensilado de 80 hectáreas de herba, uns traballos que servirán para almacenar a cantidade suficiente de forraxe co que alimentar aos animais das instalacións provinciais durante todo o ano.

Cun investimento de 20.800€, e un prazo de execución cunha duración máxima de 48 horas dende a data de inicio, poderase alimentar ás 2.230 xatas que ten o Centro de Recría e tamén as vacas cachenas de propiedade provincial co fin de impulsar a recuperación desta raza, os exemplares de Raza Rubia Galega froito da colaboración coa Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) e a varios cabalos da Granxa Gayoso Castro e que serven tamén para as prácticas do alumnado de Veterinaria da Universidade de Santiago.

Nas vindeiras semanas, ademais, poderán comezar os traballos de reparación das cubertas de varias naves do complexo da Granxa Gayoso Castro afectadas polo mal tempo. A Xunta de Goberno sacou adiante o Plan de Seguridade e Saúde das obras, o último trámite administrativo para que a empresa pública Tragsa poida comezar as obras de reparación da cuberta destas instalacións, que consistirán no seu reforzo estrutural e que contarán cun investimento de 88.375€.

Estas obras son necesarias logo dos danos causados polo mal tempo, que afectou ás cubertas e á estrutura dalgunhas edificacións desta finca provincial. A instalación danada estaba en uso e hai que reparala para poder seguir levando a cabo as actividades propias da Granxa con normalidade.

0.16849803924561