A Deputación inviste 48.000 euros na estrada que une Meira e Pastoriza por Fonmiñá

TerraChaXa
As obras que se van acometer son a reapertura de cunetas, a pavimentación do firme con aglomerado en quente e o repintado da vía
pilar-garcia-porto-deputada-alcaldesa-antas
17 Apr 2026

A Deputación de Lugo aprobou este venres destinar 373.028,38€ para arranxar dúas vías provinciais ao seu paso polos concellos de Palas de Rei e Pastoriza. Así o avanzou a voceira Socialista, Pilar García Porto, tras a reunión semanal da Xunta de Goberno.

Explicou que se adxudicaron por 48.405,20 euros os traballos para mellorar un treito da LU-P-3006, a vía que une Meira con Pastoriza por Fonmiñá. Con este proxecto, do que se encargará a empresa CHOLO SL, arranxarase un tramo de algo máis de 800 metros case ao principio da vía -do punto quilométrico 1,120 ao 1,935-.

“Esta é unha estrada moi importante para os veciños e veciñas de ambos municipios, porque vai desde o núcleo meirense da Pena ata a LU-122. Ademais dá servizo a explotacións gandeiras, conecta directamente co polígono industrial de Meira, no que se atopan establecementos hostaleiros e diferentes negocios, e dá acceso ao centro de saúde do municipio”, recalcou.

As obras que se van acometer son: a reapertura de cunetas, a pavimentación do firme con aglomerado en quente e o repintado da vía mediante marcas reflexivas brancas. Unha vez se inicien os traballos o prazo de execución será de mes e medio.

A Xunta de Goberno deste venres tamén aprobou a convocatoria e as bases específicas para a elaboración de dúas listaxes de emprego: unha de técnico auxiliar de protocolo e outra de axudante mecánico. As persoas interesadas en anotarse poderán consultar a información no Boletín Oficial da Provincia nas vindeiras semanas.

0.088531970977783