A Deputación licita obras en estradas de Friol e Baleira por un importe de case 334.000 euros

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou tamén a licitación de dúas actuacións na rede viaria provincial cun orzamento conxunto de 333.658,43€ e un prazo de execución de catro meses en cada caso.
En Friol, a intervención contempla a rehabilitación do firme de dúas estradas provinciais ao longo de todo o seu trazado. A LU-P-2109 entre Devesa e Vilafiz por Gonce; e a LU-P-2121 de Cotá ao Cinto Comarcal por Agruña. O orzamento conxunto para as dúas actuacións ascende a 159.644,19€.
En Baleira, as obras licitadas consistirán no acondicionamento dun tramo de catro quilómetros da LU-P-0401, que vai de Corveira a Restelo por Córneas. Os traballos afectan ao treito comprendido entre o punto quilométrico 11,7 e o 15,5 cun orzamento de 174.014,24€.
"Como alcalde de Friol, valoro positivamente este avance, porque o mantemento e a mellora das estradas son fundamentais para a seguridade viaria, a mobilidade da veciñanza e a conexión das nosas parroquias", declarou José Ángel Santos.
"Seguimos traballando para conseguir mellores infraestruturas e máis servizos para Friol e para toda a súa veciñanza", engadiu.