A Deputación pon en marcha axudas para o teatro profesional

TerraChaXa
A deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, presentou este martes as axudas directas que por primeira vez ofrece o Goberno da Deputación ao teatro profesional da provincia.
deputacion programa proscenio teatro
28 Aug 2018

A deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, presentou este martes as axudas directas que por primeira vez ofrece o Goberno da Deputación ao teatro profesional da provincia. Fíxoo acompañada por representantes deste sector, e que tras manter diversas xuntanzas con estes profesionais, reclamaron apoio institucional para desenvolver os seus proxectos artísticos por toda a provincia.

García Porto explicou que “o programa PROSCENIO está dirixido as compañías profesionais de teatro de carácter privado e con domicilio fiscal na provincia de Lugo, e conta cun investimento do organismo provincial de 25.000 euros. A través deste novo proxecto ademais de incentivar as compañías lucenses, contribuímos en mellorar a programación cultural, ofrecendo teatro profesional por toda a provincia e para que sexa asequible a todos os públicos”, sinalou.

A deputada avanzou que “o calendario de actuacións de representación das compañías lucenses será dende o 1 de novembro ata o 31 de decembro de 2018, e o caché de cada representación dependerá da tipoloxía e natureza das obras, que oscilarán como máximo entre os 4.000 e os 5.500 euros. Os concellos ou asociacións sen ánimo de lucro que desexen participar nesta iniciativa deberán aportar o 50% de cada actuación, e o restante correrá a cargo da Deputación”.

García Porto informou ademais que, trala a súa aprobación na Xunta de Goberno, e a publicación das bases no BOP mañá mércores dia 29, todos os axentes interesados, tanto concellos, así como as Asociacións e as compañías de teatro, teñen de prazo 10 días naturais, é dicir ata o 8 de setembro para presentar toda a documentación necesaria para participar neste proxecto. Ademais na web da Deputación, http://www.deputacionlugo.gal/, haberá un banner con toda a información a complementar sobre esta convocatoria.

Os representantes do sector presentes no acto, Trécola e Ítaca Teatro, amosáronse esperanzados e agradecidos con esta nova iniciativa cultural da Deputación, e reclamaron que sexa un proxecto con futuro, que ademais contribúa a realizar e establecer un circuíto de teatro profesional na provincia de Lugo.

Comisión técnica

Para realizar o calendario de PROSCENIO, a Deputación comprometese a constituír unha comisión técnica que será encargada de analizar a presentación de solicitudes, tanto das peticións de actuacións nos diferentes concellos e Asociacións, como as inscricións dos grupos de teatro de acordo co establecido nas bases deste convocatoria. Ademais, esta comisión tamén será a encargada de encaixar as necesidades dos concellos, asociacións e dos grupos teatrais.

Xuntanza

A deputada avanzou que os profesionais deste sector manterán unha xuntanza cos representantes do tecido cultural da provincia, concelleiros de Cultura e técnicos municipais, co fin de poñer en común toda a programación das diferentes compañías lucenses que participan neste proxecto.

0.18163990974426