A Deputación presenta as actividades escolares dos museos da provincia

TerraChaXa
A Rede Museística da Deputación ofrece un total de 36 actividades aos escolares da Provincia, que terán lugar nos catro museos que conforman dita rede: O Museo Provincial de Lugo, o Museo Provincial do Mar, o Museo Fortaleza San Paio de Narla e o Museo Pazo de Tor.
DEPUTACION PROGRAMACION REDE MUSEISTICA
20 sep 2018

A Rede Museística da Deputación ofrece un total de 36 actividades aos escolares da Provincia, que terán lugar nos catro museos que conforman dita rede: O Museo Provincial de Lugo, o Museo Provincial do Mar, o Museo Fortaleza San Paio de Narla e o Museo Pazo de Tor. Así o avanzou este xoves, no Museo Provincial de Lugo, a Deputada de Cultura, Pilar García Porto. As inscricións realízanse no Departamento de Didáctica de cada Museo. Para máis información pódese consultar http://redemuseisticalugo.org/index.asp. No acto estivo acompañada pola Directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro e a Xerente da Rede Museistica, Encarna Lago.

García Porto explicou que a Deputación “pon a disposición dos centros escolares a súa nova programación para o curso escolar 2018/2019 coa idea de fomentar o achegamento do alumnado ao patrimonio nos nosos museos. A través desta programación, xunto coa nosa longa experiencia e o apoio dos docentes, buscamos tender pontes de colaboración entre diferentes espazos educativos, presentando actividades lúdicas, rigorosas e con contidos que entroncan coas actividades escolares”, sinalou.

A Deputada convidou “a todos os colexios e aos alumnos a participar nestas actividades que contribúen a súa formación, e ao mesmo tempo, son iniciativas lúdicas para que se acheguen ao mundo da cultura dun xeito máis ameno e divertido. Polo tanto son unha oportunidade única para desfrutar da cultura con maiúsculas”.

Coñecer un museo, rutas franciscanas e castelos encantados, entre outras

A programación da Rede Museística é completamente gratuíta, entre as súas actividades destacan no Museo Provincial de Lugo a iniciativa Crea o teu propio museo, na que os alumnos poderán valorar a importancia que ten un museo, entendan o funcionamento e a metodoloxía de traballo, así como unha concienciación dentro da nova museoloxía. Outra proposta son as Rutas Franciscanas, coa que os alumnos farán un percorrido interactivo polas estancias que pertenceron ó antigo convento franciscano: claustro, refectorio e cociña. No Museo do Mar, os participantes poderán escoitar as historias de navegantes e cazadores de baleas, de facedores de barcos e peneiradores do mar, a través de  actividades como por exemplo: A agulla de marear ou Arriba a bandeira. No Museo Pazo de Tor os asistentes coñecerán os animais representados en distintas obras expostas no Museo co Viaxe fotográfico no Museo Pazo de Tor, e tamén As árbores da historia, outra proposta coa que conta a importancia da liñaxe cos diferentes entronques familiares e os devanceiros de toda a familia. E por último, no Museo Fortaleza-San Paio Narla, desfrutarán de historias do  Castelo encantado, co fin de identificar os distintos estamentos; servos, señorío e cabaleiros meirande os recursos que nos ofrecen as diferentes salas do museo. 

Programación de San Paio de Narla

As actividades que se impartirán, durante todo o curso escolar, na Rede Museística son un total de 36, son as seguintes;

-Museo Provincial de Lugo: Crea o teu propio museo; Muller na Arte, Arte na Muller; Rutas franciscanas/Franciscanos no museo; Vivir a Prehistoria; Coñece o teu museo; Rutas Literarias; Actividades relacionadas coa exposición: Manuel Jorge.

-Museo do Mar (Cervo): A agulla de marear; Por aí resopra; Contouche alguén canto dura o teu lixo?; Arriba a bandeira; Un mar de linguas; Crea o teu propio museo; Reescribindo a historia das mulleres do mar e  Muller na Arte, Arte na Muller.

-Museo Pazo de Tor (Monforte de Lemos): Crea o teu museo; Tor: cámara e acción; O Museo Pazo de Tor do luscofuco á candea; Viaxe fotográfico no Museo Pazo de Tor; As árbores da historia; O Museo como retrovisor histórico e Muller na Arte, Arte na Muller.

-Museo Fortaleza San Paio de Narla (Friol): Visita de Iniciación; O castelo encantado; Facendo Historia (Heráldica); O porvir do pasado; Na lareira; A bela Durminte; Unha sinatura medieval: un signo lapidario; Os escribáns en San Paio de Narla; Bargueños: Encaixando a creatividade; Ollando a cultura-prismáticos; Xogo de verbas; Á procura do acibeche de San Paio e Muller na Arte, Arte na Muller.

»Visita de Iniciación
Nivel: todos os ciclos
Obxectivo: comprender que as sociedades actuais están condicionadas polo seu pasado histórico. Recoñecer as ferramentas e analizar a súa evolución e a súa continuidade, así como a necesidade de conservalas para outras xeracións.

»O castelo encantado
Nivel: 1º e 2º ciclo de E. Primario
Obxectivo: Identificar os distintos estamentos; servos, señorío e cabaleiros meirande os recursos que nos ofrecen as diferentes salas do museo. Analizar como San Paio de Narla é un museo sostible e comunitario.

»Facendo Historia (Heráldica)
Nivel: 1º e 2º da ESO
Obxectivo: Fusionar heráldica, historia e sostibilidade, condensándoos nun único concepto para amosar que tras un escudo agochase moita crónica histórica. Un escudo non é unha peza inerte, ao contrario é unha peza parlante, e iso é o que se tentará facer visible incidindo en que  é unha fiestra para ver como era a vida dos nosos homes e mulleres con rango nobiliario do Medievo.

»O porvir do pasado
San Paio de Narla  é un museo axente para o coñecemento da vida pasado dos nosos devanceiros, museos que deben de ser, e son, activos na educación dos nosas xeracións educando no concepto de sostibilidade  e comunidade tan desatendido hoxe en día.
Nivel: ESO e BAC
Obxectivo: Estudar  o paso do tempo, no que se desenvolve o señorío de San Paio de Narla, así como as distintas salas, a través da Lenda da Cova da Serpe.

»Na lareira
Nivel: E. Infantil, 1º e 2º de Primaria
Obxectivo: Visitar a cociña para que o alumnado descubra a transformación que esta dependencia sufriu ao longo do tempo. Compararemos as vellas cociñas e as comidas que nelas se facían coas actuais. O entorno de San Paio proporcionaranos os materiais necesarios para levar a cabo esta actividade e así darémonos conta da importancia de conservar e protexer o noso patrimonio natural e sostible, coñecendo a biosfera do noso entorno (río, árbores, prados, vexetación, ...)

»A bela Durminte
Nivel: E. Infantil
Obxectivo: empregando como fío condutor o conto da Bela durminte e aproveitando como recurso os obxectos expostos, nun ambiente, en principio, nada atraínte para un neno ou nena, o castelo vaise convertendo no escenario onde a imaxinación cobra vida ata materializarse como real. Aproveitando a riqueza e a variedade do patrimonio cultural tomando conciencia da importancia do pasado para comprender o presente, e para espertar o interese polo cultivo do liño.

»Unha sinatura medieval: un signo lapidario
Nivel: 6ª de primaria, 1º ESO e  2º ESO
Obxectivo: Con esta unidade didáctica búscase afondar noutra realidade de San Paio de Narla, pouco coñecida e, por tanto, pouco difundida. Trátase de traballar coa temática dos signos lapidarios que se atopan diseminados por toda a fortaleza medieval e con reminiscencias renacentistas. Recoñeceremos un oficio tradicional como o dos canteiros, buscando eles mesmos a súa propia sostibilidade mediante os recursos da natureza como é a pedra e a súa man de obra, tan descoñecida hoxe en día pola evolución dos tempos. A unidade contempla ser realizada en dúas fases, una teórica e una práctica.

»Os escribáns en San Paio de Narla
Nivel: 4º,5º,6º de Primaria e 1º da ESO
Obxectivo: Dar a coñecer un estamento moi relevante na Idade Media ao servizo do señorío. Materiais de refugallo  servirannos para levar a cabo este actividade e ao mesmo tempo os nenos/as terano en conta para construír un Patrimonio sostible.

»Bargueños: Encaixando a creatividade
Nivel: 4º, 5º, 6º de Primaria
Obxectivo: descubrir una peza do patrimonio nobre. Entender o seu significado dentro dun contexto. Analizar o concepto de contedor de contido, usando material de refugallo coma antano, valorando a sostibilidade dende a perspectiva da economía.

»Ollando a cultura-prismáticos
Nivel: 4º, 5º, 6º de Primaria 1º da ESO
Obxectivo: Analizar a funcionalidade dunha peza que cobra vida fora da exposición. Aprender e afondar nos diferentes tipos de visión. Teorizar entre o que o ollo ve percibe e descobre.

»Xogo de verbas
Nivel: 4º, 5º e 6º de E. Primaria
Obxectivo: Aproveitamos a riqueza e a variedade do patrimonio cultural, tomando conciencia da importancia do pasado para comprender o presente, para espertar o interese polo Patrimonio material e inmaterial e facer os museos sostibles e comunitarios. Andamos á procura da estimulación e motivación mediante a posta en vigor de interesantes e divertidos xogos.

»Á procura do acibeche de San Paio
Nivel:  1º, 2º, 3º e 4º ESO
Obxectivo: No plan museolóxico e museográfico de San Paio, contemplase unha serie de vitrinas que recollen unha mostra de acibeches. A intención desta unidade é dar a coñecer aspectos e pezas do museo pouco coñecidas por escapar a visión do espectador. De tal xeito que falaríase da tradición do acibeche recorrendo ao espléndido colar de abadesa musealizado in situ, e enfocaríase a atención na figa pétrea que figura na cheminea renacentista do último andar da torre.  Todo isto co expreso desexo de instruír aos nenos e nenas na realidade do acibeche, unha pedra protectora intimamente ligada a nosa cultura galega.

»Muller na Arte, Arte na Muller
Idades: Desde E. Infantil ata BAC
Duración: de 45’ a 60’
Limiar: Esta proposta didáctica parte da necesidade de impulsar a asociación dos museos e as institucións educativas para crear estratexias que permitan superar as desigualdades de xénero mediante un achegamento crítico á historia e teorías da arte. A proposta materialízase nun itinerario integrado por distintas pezas que actualmente se exhiben. Este responde á necesidade de dar unha maior visibilidade ao traballo das mulleres e a súa participación tanto na vida material como significativa ao longo da historia.
Obxectivos: O obxectivo fundamental da proposta é achegar a presenza das mulleres na elaboración de materiais artísticos e destacar a súa presenza significativa nas representación do arte e dos obxectos cotiás, dende unha perspectiva feminista, ao público en xeral e as persoas mozas que se atopen en período de formación en particular.
Dende a Rede Museística pártese da idea de que a actividade artística é un motor de coñecemento, comunicación, expresión e transformación polo que a través desta actividade ábrense novas vías de reflexión baseadas na participación activa, no cuestionamento crítico da historia e as teorías da arte, a inclusión da perspectiva de xénero e os principios co-educativos.

No tocante aos obxectivos específicos, tratarase de:

  • Analizar as obras desde unha perspectiva feminista
  • Descubrir a existencia de mulleres artistas
  • Relacionar as creacións artísticas coa experiencia persoal das creadoras e dos contextos históricos
  • Fomentar o pensamento crítico
  • Promover a igualdade de dereitos e oportunidades
  • Reforzar os principios de empatía e comprensión dos outrxs, de outras sensibilidades e identidades
  • As mulleres artistas: achegamento á súa biografía e o seu proceso creador

Descrición da actividade:  A orde que se segue para a estruturación do percorrido é o espacial do propio museo. A elección das pezas ou os espazos intenta recoller a diversidade do propio museo.

Metodoloxía: Dado que non se trata dunha actividade concretada para un público específico, o persoal do museo acompañará a visita aportando os coñecementos e reflexións precisas para imaxinar a realidade da muller como artista e como personaxe principal da historia. Ao rematar sería convinte realizar unha mesa redonda ou un coloquio para pór en común o observado e escoitar as opinións críticas dos visitantes.

0.36773610115051