A Deputación presenta un programa de educación sexual que porá en marcha nos concellos da provincia
A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, acompañada da médico especialista, Estefanía Fernández Otero, presentou un proxecto de educación sexual destinado a centros de todos os Concellos da provincia para formar a un total de 1.500 escolares de sexto de primaria. Esta iniciativa consiste nunha serie de charlas gratuítas impartidas por un grupo de médicos e sexólogos, coas que se busca que os rapaces acaden nesta idade unha educación sexual axeitada, e vexan resoltas todas as súas dúbidas ao respecto.
López Izquierdo sinalou que dende o Goberno da Deputación promovemos esta iniciativa formativa na procura dun “maior coñecemento sexual dos nosos rapaces, para que afonden e teñan máis coñecemento sobre a sexualidade, co fin de rachar con estereotipos e tópicos neste eido que nada teñen que ver coa realidade. Tamén amosamos a través desta iniciativa a diversidade sexual, fomentando a promovendo a igualdade nas idades máis temperás”.
“Existe unha nova necesidade de educación sexual, debida a factores diversos como a Globalización, a presenza das novas tecnoloxías, a migración de novos grupos de poboación con diferentes contextos culturais, as crenzas relixiosas, as enfermidades de transmisión sexual, ou o crecente problema dos abuso sexuais. Todos os nenos teñen acceso a contido sexual a través de Internet, o problema é que este tipo de canles xeran unha imaxe das relacións sexuais erradas, de aí que sexan tan necesarias as ensinanzas de verdadeiros profesionais do eido”.
Fernández Otero puxo en valor que “canta máis educación sexual reciben os rapaces, menos riscos e máis capacidade de resposta teñen. Ás veces os propios profesores pensan que en sexto de primaria os alumnos non teñen idea destes asuntos, máis a realidade amosa que o acceso ás novas tecnoloxías supuxo un achegamento máis temperán a estes temas”.
Proxecto educativo de educación sexual
O proxecto consta de dúas partes: na primeira, común a todos os centros educativos, exporanse diferentes temas formativos, e na segunda, os rapaces participarán directamente facendo as súas preguntas. Na primeira sesión, afóndase sobre o corpo humano e o seu desenvolvemento, os determinantes sexuais e culturais da sexualidade, as habilidades necesarias para discutir e saber tomar decisión persoais, valores, normas, puntos de vista e as diferentes orientacións sexuais. Na segunda parte, os rapaces poderán consultar todas as dúbidas e inquietudes que teñan sobre sexualidade.