A Deputación realizará en Vilalba e Meira unhas charlas sobre coidado de animais
O Goberno da Deputación, en colaboración co Seprona, organiza un ciclo de charlas informativas sobre a tenza responsable de animais en 12 concellos da provincia. Faino co obxectivo de informar a todos os interesados, que poden participar de xeito totalmente gratuíto, sobre as obrigas e responsabilidades que supón a tenza de animais domésticos, especialmente tras a entrada en vigor da Lei 4/2017 de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia. Os primeiros coloquios tiveron lugar en Quiroga, Monforte de Lemos, Chantada, Palas de Rei, Baralla e Sarria.
As vindeiras charlas celebraranse o día 25 de abril ás 16:30 horas en Mondoñedo, e ás 19:30 horas en Vilalba; o día 24 de maio ás 16:30 horas en Viveiro, e ás 19:30 horas en Ribadeo; e o día 25 de maio, ás 16:30 horas na Fonsagrada, e ás 19:30 horas en Meira. Nestes coloquios participan axentes do Seprona, unha educadora canina e unha avogada animalista.
Durante a Semana Santa xa se realizaron seis charlas na provincia de Lugo, o día 26 de marzo nos Concellos de Quiroga e Monforte de Lemos; o día 27 no Concello de Chantada e Palas de Rei, e o día 28 no Concello de Baralla e no de Sarria. Preto dun centenar de veciños da provincia de Lugo achegáronse xa a estes encontros.
Estas charlas adoitan durar ao redor de dúas horas; logo de realizar a súa exposición os diferentes relatores ábrese unha quedan de palabra para os veciños, xerándose un enriquecedor debate no que cada asistente expón as súas experiencias con animais domésticos. Un dos grandes obxectivos que persegue esta campaña é sensibilizar á poboación respecto da situación dos cans abandonados, así como concienciar de que os cans non poden deambular libremente e deben estar perfectamente identificados.
Os encontros serven tamén para achegarlles aos asistentes as novidades que introduciu a nova Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, na que se recollen situacións que poderían ser constitutivas de infracción administrativa ou, en función do caso, incluso ser consideradas delito, xa que os animais están igualmente protexidos polo Código Penal.
A lexislación vixente establece certas obrigas de carácter básico para as persoas que decidan ter un animal doméstico. Entre elas, destacan a obrigatoriedade de proporcionarlle os coidados veterinarios precisos, así como mantelo nunhas condicións hixénico-sanitarias boas; procurar un aloxamento apropiado, acorde ás características do animal; ofrecer unha alimentación adecuada; implatación do microchip identificativo e inscribilo no Rexistro Municipal correspondente. Ademais, a lexislación tamén recolle a obrigatoriedade de proporcionarlle o exercicio e os estímulos precisos para levar unha vida saudable, cubrindo todas as súas necesidades, tanto físicas, como mentais ou emocionais.