A Deputación recibe o distintivo ao mérito turístico dos Camiños de Santiago
A deputada de Cultura, Pilar García Porto, recibiu a Gran Placa ao Mérito Turístico que concedeu a Fundación de la Orden del Camino de Santiago ao Goberno da Deputación nun acto celebrado este domingo en Xantar, o 20º, en Expourense.
A Orden del Camino de Santiago, formada por máis de 1.200 Cabaleiros e Damas escollidos entre personalidades do eido cultural, político, social, empresarial... decidiu entregar a súa condecoración á Deputación pola importancia territorial e influencia que a provincia de Lugo aporta aos Camiños de Santiago e tamén, polo apoio que o Executivo Provincial presta aos concellos e asociacións vinculadas ás 4 rutas xacobeas que atravesan a provincia así como pola dinamización que desde o Goberno provincial se está a facer para impulsar os Camiños de Santiago.
A provincia de Lugo conta con máis de 800 km de itinerarios xacobeos que discorren por 30 dos seus 67 concellos. Practicamente, a metade do territorio lucense está atravesado por algunha das 4 rutas xacobeas recoñecidas oficialmente -Camiños do Norte, Primitivo, Francés e de Inverno-, ademais da do Mar, investigada e documentada. Os camiños xacobeos constitúen un importante impulso económico e cultural para esta provincia.García Porto agradeceu en nome da Deputación á Fundación de la Orden del Camino de Santiago, o galardón recibido, hoxe en Xantar, destacando “que o Goberno Provincial continúa promovendo accións que impulsen os Camiños do Santiago. A Deputación constituíu a primeira Mesa Provincial dos Camiños de Santiago facéndoa participativa e multidisciplinar para definir as necesidades de cara a celebración do Xacobeo 2021, acabamos de promover un FAMTRIP polo Camiño do Norte e a vindeira semana teremos presenza no FAIRWAY para promover as rutas xacobeas que discorren por case a metade dos concellos da provincia de Lugo”.
Esta condecoración é un recoñecemento que o padroado desta fundación entrega para valorar o labor de personalidades, institucións ou empresas na promoción turística e difusión do Camiño de Santiago. O galardón consta dunha placa identificativa e un diploma acreditativo.
Para acadar maior dinamización das rutas xacobeas, no 2016 a Deputación constituíu a primeira Mesa Provincial dos Camiños de Santiago facéndoa participativa e multidisciplinar. Participaron os 30 Concellos polos que discorren as rutas de peregrinación, 14 asociacións luguesas e ducias de profesionais e especialistas deste eido. E tamén celebráronse 3 mesas, unha institucional, asociativa e outra técnica, nas que se definiron necesidades de cara a celebración do Xacobeo 2021.
O Executivo Provincial continúa promovendo accións para impulsar os Camiños de Santiago. Esta semana promoveu un FAMTRIP de 3 días polo Camiño do Norte no que participaron 16 axentes e xornalistas especializados en viaxes para coñecer os atractivos naturais, históricos-culturais e gastronómicos desta ruta xacobea consolidada xa como terceiro Camiño maiormente escollido polos peregrinos e que conta cun gran potencial de crecemento. Do 10 ao 12 de febreiro, a Deputación participará en Compostela cun stand propio no importante encontro internacional FAIRWAY, o III Forum do Camiño de Santiago.