A Deputación respalda o labor das asociacións de veciños cunha achega
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este xoves un convenio de colaboración co presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti, Jesús Vázquez, para continuar apoiando ao colectivo no seu funcionamento e nas actividades e programas que desenvolve ao longo do ano con 40.000 euros.
“A Deputación con este convenio fai un importante esforzo económico para apoiar o labor da Federación porque cremos que o movemento asociativo en xeral é un piar fundamental da democracia e o seu papel resulta esencial para que a sociedade prospere de maneira xusta”, explicou Tomé Roca. Actualmente, a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo representa a máis de 20.000 socios agrupados en case 300 asociacións de veciños federadas de toda a provincia.
O mandatario provincial tamén subliñou que as asociacións de veciños “son un activo que está sempre no terreo, articulando e facéndonos chegar aos representantes públicos as demandas e as propostas que son necesarias para mellorar a vida da cidadanía”. Por esa razón, manifestou que a Deputación de Lugo “mantén unha relación próxima e fluída coa Federación porque, traballando xuntos, institucións e cidadanía, é a mellor forma de conseguir resultados”.
Tomé Roca puxo exemplos de colaboración entre ambas entidades, como as reivindicacións tanto en materia sanitaria, sobre todo dos servizos de Hemodinámica 24 horas, Medicina Nuclear e Radioterapia para o Hula, como de servizos para o rural, de servizos ferroviarios ou mesmo na creación dunha Autoridade Portuaria propia para a provincia, entre moitas cuestións relevantes para o futuro da provincia.
O convenio servirá para axudar ao pagamento de gastos de mantemento do local social, do persoal e de actividades medioambientais, promoción de produtos, organización de xornadas sobre temáticas de interese para a poboación da provincia e, entre outros aspectos, campañas de promoción do comercio local.