A Deputación suma 12 vehículos novos ao servizo de mantemento das estradas
A Deputación vén de recibir 12 novos vehículos para renovar a flota do Parque Móbil co obxectivo de prestar un mellor e máis eficiente servizo. Cun investimento de preto de 182.000€, adquiriu 9 turismos e 3 todoterreo, que xa son utilizados polos capataces de obra que traballan na área de Xestión Territorial, dirixida polo Presidente, José Tomé, para a vixilancia e mantemento da rede viaria provincial e tamén para asistir aos concellos á hora de arranxar incidencias nas estradas municipais ou en obras de rehabilitación de firmes.
Estes novos vehículos substitúen a utilitarios que tiñan 12 anos e superaban os 400.000 quilómetros pois, de media, estes vehículos rexistran máis de 30.000 quilómetros ao ano.
Estes 12 vehículos novos súmanse aos 5 eléctricos adquiridos pola Deputación na primavera. Un total de 17 vehículos que se inclúen na fase de renovación do Parque Móbil que ten posta en marcha a Deputación de Lugo, un dos instrumentos máis importantes de cooperación cos concellos.