A Deputación súmase á decisión de acoller aos refuxiados do Aquarius
O Executivo da Deputación de Lugo apoia a decisión do Goberno de España de acoller aos refuxiados do Aquarius e ofrece a súa colaboración para que os concellos da provincia participen na acollida ás máis de 600 persoas que viaxan a bordo do buque.
O Goberno provincial comunicoulle á Federación Española de Municipios e Provincias a disposición da Deputación de Lugo a colaborar cos Concellos da nosa provincia para favorecer a acollida aos refuxiados. Dado que a Deputación non conta con medios habitacionais para atender esta situación de emerxencia humanitaria, o Executivo provincial ofrece axuda aos Concellos da provincia cos medios técnicos ou loxísticos que precisen para dar cobertura ás necesidades que teñan en cuestións como transporte a lugares de acollida, material, etc.
A Deputación informou á Federación Española de Municipios e Provincias da súa disposición a colaborar na acollida dos refuxiados do Aquarius xa que a FEMP está actuando como entidade coordinadora da acollida das máis de 600 persoas que viaxan no Aquarius, a petición da Vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo. Para levar a cabo ese labor, a FEMP puxo a disposición dos Concellos interesados a Oficina de Coordinación Municipal de Axuda ao Refuxiado, co obxectivo de dar unha resposta coordinada, rápida e eficaz na reubicación das persoas que viaxan a bordo do Aquarius.