A Deputación triplica a colaboración económica co FIV

TerraChaXa
A Deputación reforza o seu compromiso con Vilalba triplicando a colaboración económica co FIV coa firma dun convenio
firma convenio deputacion fiv vilalba
20 Mar 2023

A institución reforza o seu compromiso con Vilalba coa firma dun convenio coa alcaldesa para dar unha maior proxección a este referente nacional do indie rock, que se celebrará do 28 ao 30 de abril.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro Fernández, asinaron no Pazo de San Marcos un novo convenio de colaboración a través do cal a institución provincial practicamente triplica o seu apoio económico á décimo sexta edición do Festival Independiente de Vilalba (FIV), que convertirá a localidade chairega do 28 ao 30 de abril na capital nacional do indie rock.

O mandatario provincial explicou que este acordo co que a institución achega 50.000€ ao Concello de Vilalba permitirá dar “unha maior proxección a este evento musical, que durante os tres días de celebración da cita recibirá a milleiros de visitantes”, o que supoñerá “unha importante inxección económica para a localidade, que repercutirá en sectores como o comercio e a hostelería, ademais de xerar emprego e ser un gran impulso na promoción turística do conxunto da comarca da Terra Chá, e de toda a provincia”, subliñou José Tomé.

Pola súa banda, Elba Veleiro agradeceu ao presidente o seu compromiso un ano máis co que é xa un dos eventos máis importantes para Vilalba, xunto á Feira do Capón ou a Festa do Queixo San Simón da Costa. Por iso, nesta ocasión, engadiu a alcaldesa, “queremos ir máis aló, dar un paso máis na dimensión deste formato, co que contaremos cun aforo para 5.000 persoas e unha das programacións máis completas ata a data, con actividadades que inclúen propostas para toda a familia”.

Tres días co mellor da música indie

O FIV de Vilalba 2023 abrirá a tempada do calendario festivaleiro na provincia cun cartel de luxo. Reunirá os días 28, 29 e 30 de abril a bandas e artistas do panorama indie nacional e galego como Lori Meyers, La Casa Azul, Sidonie, Sidecars, Delaporte, Carlangas, Mora, Hickeys, la Banda de Música de Vilalba, Los Mainches, Berta Franklin, e as sesións dos djs Akkan, Ochoymedio Djs, Jus Kno’. Ademais, o programa musical inclúe como proposta infantil a Gramola Gominola, que presentará no festival vilalbés os seus últimos temas e novos discos.

Aínda se poden mercar os abonos do terceiro tramo á venda na web https://fivdevilalba.com, a un prezo de 38 euros, tras esgotarse os dous primeiros en decembro. Nas vindeiras semanas darase a coñecer toda a información sobre a zona de acampada habilitada e o transporte desde outros puntos de Galicia.

José Tomé destacou o traballo da alcaldesa por impulsar este festival, xa consolidado, que supoñerá “unha importante inxección económica na capital chairega, ademais de ser un gran impulso na promoción turística da provincia”

Elba Veleiro agradeceu a colaboración da institución porque este ano “queremos ir máis aló, dar un paso máis na dimensión deste formato, co que contaremos cun aforo para 5.000 persoas e unha das programacións máis completas ata a data”

CARTEL DEFINITIVO FIV VILALBA
FIV VILALBA 20223
0.11450386047363