A Deputación urxe á Xunta a recuperar a Torre de Caladaloba trala sentenza que lle dá a titularidade

TerraChaXa
Iria Castro lamentou que o goberno galego atrasase catro anos un procedemento que puido executar pola vía administrativa
torre-de-caldaloba-cospeito
23 Sep 2026

A Deputación de Lugo recibiu este martes -22 de setembro- a comunicación da sentenza da demanda presentada pola Xunta de Galicia en relación coa Torre de Caldaloba, que ratifica o dereito de retracto da administración autonómica.

A deputada de Cultura Iria Castro lamentou que “a Xunta de Galicia retrasase catro anos a actuación sobre este ben patrimonial levando á vía xudicial un procedemento que puido resolver pola vía administrativa en calquera momento nestes anos xa que a Vicepresidencia da Deputación non puxo impedimento ningún” e avanzou que “os servizos xurídicos da Deputación traballan xa no procedemento para outorgar a escritura da finca á Xunta de Galicia e solicitar o reembolso dos 106.000 euros que a institución provincial investiu nos terreos”.

A responsable provincial lembrou que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo actuou en todo momento guiada por dous obxectivos: “a incorporación da Torre ao patrimonio público” e a “posta en marcha dun proxecto de recuperación, consolidación e posta en valor da edificación” que frease o seu deterioro.

Neste punto, Iria Castro destacou que “a Vicepresidencia da Deputación tomou a iniciativa para protexer un ben patrimonial que a Xunta de Galicia desatendeu durante máis de 20 anos, a pesar dun deterioro progresivo e evidente advertido tanto por parte das institucións como dos colectivos culturais”

“A Deputación acordou cos propietarios a compra da finca e, como marca a Lei, comunicou a operación á Xunta de Galicia, que non respondeu ao escrito até o penúltimo día de prazo, como certifica a sentenza”. “Desde aquela até hoxe, persistiron nunha estratexia de dilación e bloqueo que chegou ata hoxe”, argumentou a deputada.

“A Torre de Caldaloba é patrimonio público e a Xunta de Galicia, que terá agora a súa titularidade, xa non pode esconderse detrás de propietarios privados para eludir a obriga de protección do ben”, concluíu a deputada, que urxiu ao goberno autonómico a “elaborar un proxecto de recuperación e posta en valor da Torre, aliñado coa súa dimensión histórica e simbólica”.

A responsable provincial sinalou como prioridade “a limpeza e desbroce da contorna da Torre e a instalación de elemento de protección no pozo situado a carón da fortaleza. Desde a área de Cultura de Cultura solicitamos en dúas ocasións autorización para realizar estes traballos urxentes que a Xunta nos negou. Agora, correspóndelles actuar directamente”.

0.1424548625946