A DGT reforza os controis de velocidade en Cospeito durante a campaña especial de verán

A Dirección Xeral de Tráfico (DGT) intensificou esta semana os controis de velocidade nas estradas lucenses dentro da campaña especial que permanecerá activa ata o 9 de agosto. Un dos dispositivos desenvolveuse este martes na estrada LU-113, ao seu paso por Cospeito, onde a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, supervisou o operativo xunto ao xefe provincial da DGT, Alberto González, e ao tenente xefe do Destacamento de Tráfico de Monforte, Anxo Rodríguez.
Durante a visita, Olimpia López lembrou que respectar os límites de velocidade é "unha das decisións máis sinxelas e eficaces" para protexer a vida dos usuarios da vía, especialmente durante os desprazamentos estivais, cando aumenta de forma considerable a intensidade do tráfico.
A subdelegada incidiu en que a velocidade inadecuada continúa sendo un dos principais factores de risco da sinistralidade viaria. Segundo os datos facilitados pola DGT, estivo presente no 22 % dos accidentes mortais rexistrados en España e diferentes estudos estiman que entre o 10 % e o 15 % dos sinistros, e ata o 30 % dos accidentes mortais, están relacionados co exceso ou coa velocidade inadecuada.
A campaña prestará especial atención ás estradas convencionais e aos tramos con maior risco, onde a Garda Civil incrementará a presenza de patrullas e utilizará tamén medios aéreos para reforzar a vixilancia. Ademais, sempre que sexa posible, informarase da existencia dos controis mediante paneis de mensaxería variable e vehículos da Agrupación de Tráfico co obxectivo de fomentar unha condución máis segura.
Na última campaña de control da velocidade, celebrada en abril, revisáronse máis de 1,9 millóns de vehículos en toda España e case 99.000 condutores foron denunciados por superar os límites establecidos.