A directiva do CD Castro convoca unha asemblea xeral extraordinaria para iniciar o cambio de directiva

O Club Deportivo Castro convocou unha Asemblea Xeral Extraordinaria dirixida ás persoas socias numeradas da entidade, que terá lugar o vindeiro 29 de maio no Municipal Arturo Pereiro, en Castro Ribeiras de Lea para iniciar o cambio de directiva.
A reunión desenvolverase ás 21.00 horas en primeira convocatoria e ás 21.30 horas en segunda. Entre os asuntos incluídos na orde do día figura a presentación da dimisión da actual Xunta Directiva, que se fará efectiva o 30 de xuño deste ano, así como a presentación de candidaturas para formar unha nova para as próximas catro tempadas.
O club informou de que as candidaturas poderán presentarse ata o 12 de xuño mediante correo electrónico ou a través de contacto telefónico cos responsables da entidade.
A asistencia á asemblea estará restrinxida unicamente ás persoas socias numeradas do club, sendo obrigatoria a presentación do carné de socio para poder acceder. Ademais, a asistencia será rexistrada para a súa posterior incorporación á acta, conforme ao establecido no réxime estatutario da entidade deportiva.