A dobre victimización

TerraChaXa
Por Pablo Figueiras Cando unha persoa sofre un feito delituoso adóitase sentir desprotexida, insegura, con temor, pero co tempo e nalgunha ocasión con axuda exterior, vai ir superando.
14 sep 2018

Por Pablo Figueiras

Cando unha persoa sofre un feito delituoso adóitase sentir desprotexida, insegura, con temor, pero co tempo e nalgunha ocasión con axuda exterior, vai ir superando.

O problema xorde cando esa mesma persoa, vítima dun determinado crime, é de novo victimizada, ben polas propias institucións ou polos profesionais que deberían axudarla, isto é o que se coñece como dobre victimización ou victimización secundaria.

É un sentimento negativo que adoita estar ligado á repetición dos sucesos, á falta de empatía do persoal que a está atendendo, a escaseza  ou nula información que recibe e mesmo as expectativas que tiña e o que realmente recibe.

Pero non é soamente estes grupos os que poden provocar que a vítima senta novamente vulnerada, senón que tamén, en determinados feitos, sobre todo con moita repercusión social, cando por exemplo, os medios de comunicación buscan información e indagan na vida privada destas vítimas. Nesta era da información, as redes sociais, foros, etc., provocan mesmo máis dor, debido a que se expón e en ocasións invéntase, aspectos privados da persoa, un caso moi claro e reciente foi coa moza agredida nas festas dos Sanfermines, cuxa vida, imaxe e privacidade foi exposta sen pudor por certos grupos de foros. Este dano engandido ao propio delito que sufriu (victimización primaria) fai que a vítima sufra un severo impacto psicolóxico, revivindo o feito continuamente, ademáis de sentir impotencia ante o que está a suceder, o que a pode levar a sentir temor, ansiedade, angustia, etc.

Hai mesmo xente que buscará comprender o por qué a está sucedendo isto, e pódelle levar mesmo a crerse responsable do que lle sucedeu, sentíndose culpable do que lle pasou. A sociedade a estigmatiza, fai que perda outra vez, unha vez ao ser vítima do delito e a outra por esta outra victimización que está a sufrir e que moitos están provocando nesta persoa.

A vulnerabilidade destas vítimas é demasiado evidente para non tela en conta, e tanto as institucións polas que esa persoa ten que ir pasando, desde que se denuncian os feitos, ata que finaliza o proceso xudicial (si este prodúcese), deben de ser responsables e empáticos con calquera que sufrise un delito, independentemente da súa gravidade.

É importante non poñer en dúbida a versión da vítima, xa haberá unha investigación, algo que adoita suceder a miúdo en temas de agresións sexuais, onde mesmo se considerou que a persoa mereciao ou buscara esa violencia. É necesario propiciar a súa confianza, non provocar medo, de aí a importancia de criminólogos ou psicólogos que estean presentes nas entrevistas. Pero os medios de comunicación tamén teñen a súa propia responsabilidade, evitando difundir a identidade da vítima, respetando a súa intimidade así como a dos seus familiares, evitando estender bulos ou informacións non contrastadas. En canto ao sistema xudicial, un proceso moi estresante para calquera alleo a este ámbito, e aínda máis para a vítima, debería de buscar a fórmula de reducir os tempos, xa que coñecemos moitos casos nos que pasan anos ata que finalmente chega. E o que é máis importante, e algo que xa hai tempo sí que se fai na maioría dos xulgados, evitar que vítima e agresor comparezan na mesma sala e ao mesmo tempo, hai moitos mecanismos para facer que non se vexan.

Por último e tamén moi importante, sería ideal que a vítima non tivese que repetir en múltiples ocasións e ante diferentes persoas contar o que a sucedeu, xa que leva a que esta persoa reviva ou reexperimente a dor sufrida.

Cada día os profesionais que tratan con vítimas están máis formados e preparados, e os medios de comunicación adoitan ser máis sensibles, polo que moitos destes puntos descritos van pouco a pouco diluíndose, pero aínda queda moito por facer.

0.080482006072998