A EHE esténdese pola Coruña e chega ata As Pontes

TerraChaXa
Con esta declaración, Galicia ten notificados focos en 35 comarcas veterinarias: os 5 da Coruña, 14 na provincia de Ourense, 9 na de Lugo e 7 na de Pontevedra
Foto-vaca-Union-de-Uniones-ehe-enfermidade-hemorraxica-epizootica
19 sep 2024

A Xunta notificou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a detección de cinco novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), nas comarcas veterinarias de Arzúa, As Pontes, Santiago, Teixeiro e Terra de Melide, todas elas na provincia da Coruña.

Salvo no caso do foco de Arzúa, que por ser o primeiro da provincia foi confirmado no Laboratorio de Referencia de Algete (Madrid), o diagnóstico laboratorial dos restantes foi realizado polo Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural.

Con esta declaración, Galicia ten notificados focos en 35 comarcas veterinarias: os 5 da Coruña declarados hoxe; 14 na provincia de Ourense (A Gudiña, A Limia, Allariz, Baixa Limia, Maceda, O Carballiño, Ourense, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Ribadavia, Valdeorras, Verín e Viana); 9 na de Lugo (Chantada, A Fonsagrada, Lugo, Os Ancares, Sarria, Terra Chá-Castro, Terra Cha-Guitiriz, Terra de Lemos-Quiroga e A Ulloa), e 7 na provincia de Pontevedra (A Paradanta, Caldas, Deza, O Condado, Pontevedra-O Morrazo, Tabeirós Terra de Montes e Vigo-Baixo Miño), neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor. Por outra banda, o número de explotacións positivas confirmadas laboratorialmente sitúase en 1.184 e os animais positivos confirmados en 2.822.

A EHE é unha enfermidade infecciosa, pero non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp. Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Existe polo tanto un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.

A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, esta doenza non afecta ás persoas, que non poden enfermar nin pola picadura do mosquito transmisor, por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.

Ao tratarse dunha enfermidade vírica non hai tratamento curativo, pero existe unha vacina desenvolvida pola farmacéutica galega Zendal e autorizada pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, que está dispoñible para a súa adquisición baixo prescrición veterinaria. Ademais da protección inmunolóxica que suporá a administración da vacina, é fundamental a aplicación de medidas preventivas encamiñadas a evitar o contacto dos animais co mosquito vector.

0.18270897865295