A enquisa do IGE indica que 7 de cada 10 persoas se comunica en galego

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Practicamente o 100 % da poboación é quen de desenvolverse en galego na súa vida
uso-do-galego-en-galicia
14 Oct 2024

A Enquisa estrutural a fogares, coñecemento e uso do idioma galego publicada polo Instituto Galego de Estatística reflicte que 7 de cada 10 persoas se comunican en lingua galega. Así o explicou o secretario xeral da Lingua durante a presentación das últimas novidades do portal Neofalantes.gal, a plataforma divulgativa e educativa posta en marcha en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para analizar o proceso de incorporación do uso do galego por parte das persoas que tiveron outro idioma como primeira lingua.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude informou na Facultade de Ciencias da Comunicación que o portal impulsado polo grupo Novos Medios dá agora un paso máis e pasa de ser un sitio informativo a convertese nunha rede social para neofalantes na que compartir experiencias. Nesta presentación, Valentín García destacou que dos datos publicados, e que recollen o resultado das entrevistas realizadas ao longo do ano 2023, despréndese que se relaciona en lingua galega un 69,25% da poboación que vive en Galicia.

Deste xeito, tal e como incidiu, o galego “continúa na senda de ser a lingua cooficial máis empregada no conxunto do Estado e a maioritaria no territorio, sendo un 29,20 % os que manifestan utilizar unicamente o castelán de maneira habitual”. Así, o responsable de Lingua da Xunta subliñou que “practicamente o 100 % da poboación é quen de desenvolverse en galego na súa vida”, xa que a sondaxe conclúe que a maioría da cidadanía sabe falalo, dominando a expresión oral o 94,62 % das persoas, mentres que, en canto á escrita, o 84,35 % da sociedade recoñece ter competencias neste eido. Por outra banda, no que respecta á comprensión, en maior ou menor medida o galego falado é entendido nun 93,37 %, mentres que o 96,35 % asegura poder ler neste idioma.

Novos galegos

Valentín García precisou que a enquisa estrutural a fogares que se realiza cada cinco anos engade nun dous seus epígrafes que neste período de tempo a poboación procedente do exterior que chegou a Galicia é de máis de 115.000 persoas. “Trátase dun dato moi importante que inflúe directamente no incremento de castelanfalantes, converténdose nun nicho de potenciais neofalantes para os que desde a Administración autonómica xa estamos deseñando medidas como son os cursos específicos que anunciamos esta mesma semana”, puntualizou o secretario xeral.

Deste xeito, concluíu que os resultados do estudo “constatan que a situación sociolingüística de Galicia é dinámica e está en permanente evolución, mantendo un elevado coñecemento da lingua galega por parte dunha sociedade bilingüe que convive nos dous idiomas cooficiais nun territorio cun modelo que non xera conflitos”.

Por outra banda, e no que ten que ver cos distintos ámbitos de contacto social, o representante da Consellería de Lingua explicou que das entrevistas levadas a cabo en máis de 9.000 fogares despréndese que é coas amizades con que máis se utiliza o galego, seguido da interlocución da cidadanía co persoal da administración e co sector comercial. Son estatísticas, apuntou Valentín García, “que poñen de relevo a responsabilidade de todos no impulso da lingua, abranguendo tanto os distintos organismos públicos como o eido das entidades privadas e chegando ao nivel persoal, cobrando neste último aspecto especial importancia a lingua vehicular no fogar”. E é que, tal e como lembrou, os datos demostran que sempre utilizan o galego o 53,01% das persoas ás que os avós lles transmitiron esta fala de cativos, fronte ao 23,35 % que o fai en castelán, consolidándose a tendencia de cada vez máis fogares bilingües, un 63,89 %.
Impulso da lingua no eido dixital

Se se teñen en conta as formas actuais de comunicación baseadas no eido dixital, respecto á última análise publicada en 2018 polo IGE, navegan na actualidade en galego un 1,65 % máis dos usuarios, mentres que nos medios tradicionais a lingua aumenta a súa presenza na prensa escrita, pasando dun 40,9 % en 2018 a un 44,62 % no 2023, un incremento do 3,72 %.

É precisamente nas tecnoloxías onde pon un dos seus focos principais a política lingüística da Xunta coa creación de novos produtos pensados para o público infantil e xuvenil, a continuación de iniciativas de éxito como o Proxecto Nós para impulsar o galego na Intelixencia Artificial, as medidas para a aceptación e recoñecemento deste idioma en todas as plataformas ou proxectos como o portal Neofalantes.gal iniciado en 2021 e que conta testemuños propios de persoas que apostaron polo galego e que hoxe os asistentes ao acto puideron escoitar de maneira presencial.

0.070781946182251