A Escola de Música Municipal de Guitiriz abre o prazo de renovación de matrícula para o curso 2026-2027

A Escola de Música Municipal de Guitiriz abriu o prazo para a renovación de praza de cara ao curso 2026-2027. O período de inscrición estará dispoñible desde o luns 15 ata o martes 30 de xuño.
A oferta formativa inclúe a modalidade de Iniciación á Música para nenos e nenas de entre 3 e 7 anos, unha actividade que será gratuíta durante todo o curso. Ademais, o alumnado a partir dos 8 anos poderá cursar ensinanzas de instrumento combinadas con Linguaxe Musical.
Entre os instrumentos que se imparten na escola figuran acordeón, batería, clarinete, frauta traveseira, saxofón, guitarra, piano, bombardino, trombón, trompeta e tuba.
As inscricións poderán realizarse a través da sede electrónica do Concello de Guitiriz ou de forma presencial no rexistro municipal.
No referente ao pagamento da matrícula, os recibos non domiciliados serán remitidos por correo electrónico unha vez rematado o prazo de inscrición, indicando a forma e o prazo de pagamento. Tamén se poderá efectuar o aboamento mediante TPV nas oficinas municipais coa presentación do recibo correspondente.
No caso dos recibos domiciliados, o cobro realizarase mediante cargo directo na conta bancaria. As persoas interesadas deberán achegar o certificado de titularidade da conta se non o presentaron o curso anterior ou se houbo algún cambio nos datos bancarios.
Para obter máis información, o Concello de Guitiriz pon á disposición da cidadanía o teléfono 982 37 01 09.