A Escola Habanera acolle unha mostra realizada por escolares na honra a Alfonso Blanco

TerraChaXa
Os nenos e nenas elaboraron unha liña do tempo na que recollen as súas orixes, estudos, obras e recoñecementos
homenaxe-a-alfonso-blanco-guitiriz-nenos-colexio
12 Jun 2026

A Escola Habanera de Guitiriz acolle durante este mes de xuño a exposición O Legado de Alfonso, un traballo desenvolvido polo alumnado do CEIP Plurilingüe Lagostelle e que se enmarca dentro da mostra Do ser e dos faceres chairegos, impulsada pola microrrede de Bibliotecas Escolares da Terra Chá.

A exposición céntrase na figura de Alfonso Blanco Torrado, unha persoa moi querida e recoñecida en Guitiriz polo seu compromiso coa cultura, a lingua e o desenvolvemento social da comarca. O proxecto naceu a partir dunha entrevista realizada polo alumnado de 5º de Educación Primaria, que lles permitiu coñecer de primeira man aspectos moi significativos da súa vida e traxectoria.

A partir deste encontro, os nenos e nenas elaboraron unha liña do tempo na que recollen as súas orixes, estudos, obras e recoñecementos, achegándose así á dimensión humana e profesional de Alfonso Blanco. O traballo tamén afonda na historia e labor da Asociación Cultural Xermolos, entidade fundamental na dinamización cultural da comarca, así como no Festival de Pardiñas, unha das citas culturais máis emblemáticas de Galicia.

A mostra complétase cunha reflexión colectiva sobre o impacto de Alfonso Blanco na vida social e cultural de Guitiriz, realizada coa colaboración das familias e de distintas persoas da comunidade educativa. Ademais, inclúe unha exposición fotográfica que contribúe a ilustrar o seu legado e a súa pegada no municipio.

Como complemento, os visitantes poderán contemplar unha breve escolma de publicacións e material divulgativo da Asociación Cultural Xermolos, que este ano celebra o seu 50 aniversario.

A exposición pode visitarse na entrada da Escola Habanera durante todo o mes de xuño, ata o día 30, en horario de 9:00 a 14:00 horas pola mañá de luns a venres e de 16:00 a 18:30 horas de tarde.

0.1183340549469