A Escola Habanera de Guitiriz acollerá tres curtametraxes sobre a África lusófona

TerraChaXa
'Olladas do Sur: cinema en curto desde a África lusófona' reproducirase o martes 17 de novembro, ás 16.30 horas
OLLADAS-DO-SUR
2 Nov 2026

A Escola Habanera de Guitiriz acollerá o vindeiro martes 17 de novembro o ciclo audiovisual Olladas do Sur: cinema en curto desde a África lusófona, unha iniciativa impulsada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que busca achegar á cidadanía a realidade social, cultural e cotiá de distintos países africanos de fala portuguesa.

A actividade dará comezo ás 16.30 horas e contará coa proxección de tres curtametraxes rodadas en Cabo Verde, Guinea-Bissau e Mozambique. A través destas pezas audiovisuais, o público poderá descubrir outras realidades, coñecer diferentes formas de vida e achegarse á diversidade cultural e aos contextos sociais destes territorios, que non adoitan contar cunha presenza destacada na programación cultural convencional.

Tras as proxeccións, desenvolverase un coloquio no que se darán a coñecer os proxectos de cooperación apoiados polas deputacións e os concellos socios do Fondo Galego nestes territorios. O encontro servirá tamén para estimular o debate e a reflexión colectiva a partir de preguntas e escenas clave das curtametraxes, favorecendo o diálogo entre as persoas asistentes.

0.13530111312866