A expansión do covid-19 na provincia ralentiza o seu crecemento
As cifras de novos contaxios de coronavirus ralentízase hoxe con 26 casos activos máis na provincia de Lugo, tres altas e polo tanto 29 novos contaxios o que leva as cifras ata os 759 casos de hoxe en día.
O que segue en aumento é a presión hospitalaria xa que xa son 31 persoas as ingresadas en planta, 30 delas no Hula e unha en Burela ademais dos tres casos que están en UCI. No máis negativo de todo un novo falecemento que sitúa en 39 a cifra de defuncións a causa do coronavirus dende a orixe da pandemia.
Segundo os datos do Sergas a maior parte casos ingresados son de maiores das dúas residencias afectadas, a do Incio e a de Outeiro de Rei e algúns dos familiares maiores do contaxio masivo xerado por unha festa na comunidade latinamericana do barrio da Milagrosa.
GALICIA
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.742 deles 1.403 son da área da Coruña, 759 da de Lugo, 343 da de Ourense, 233 da de Pontevedra, 253 da área de Vigo, 607 da de Santiago, e 144 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 17 están en UCI, 143 en unidades de hospitalización e 3.582 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 12.771 persoas curadas, rexistrándose 644 falecementos.
Os datos galegos tamén advirten unha ralentización no número de contaxios novos ao sumar 102 dende onte, ralentización causada tamén pola situación de Lugo. Todas as áreas sanitarias rexistran datos de crecemento pero non en números tan elevados como en días anteirores.
Nas residencias de maiores, o número de afectados entre usuarios é de 164 (26 máis que onte), a maioría concentrados nos xeriátricos do Incio e Outeiro de Rei; mentres que o número traballadores destes centros contaxiados é de 54, un máis respecto á xornada previa.