A exposición de xogos populares 'O Cadaval' chega ao CIN de Fonmiñá coincidindo co novo horario

TerraChaXa
A mostra poderá visitarse ata o 13 de xullo, mentres que o Centro de Interpretación da Natureza amplía o seu horario durante os meses estivais
expoiscion-xogo-populares-cin-bretona
1 Jul 2026

O Centro de Interpretación da Natureza (CIN) de Fonmiñá acolle desde hoxe, 1 de xullo a exposición de xogos populares O Cadaval, unha iniciativa que achega ao público diferentes elementos lúdicos tradicionais e que busca poñer en valor o patrimonio cultural vinculado aos xogos de sempre.

A mostra, procedente de Pacios, no concello de Castro de Rei, permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 13 de xullo. As persoas visitantes poderán coñecer e descubrir distintos xogos tradicionais que formaron parte da infancia de varias xeracións, contribuíndo á conservación e difusión deste legado cultural.

A chegada da exposición coincide coa entrada en vigor do horario de verán do CIN do Alto Miño-Fonmiñá. Durante todo o mes de xullo, as instalacións abrirán de luns a venres entre as 10.00 e as 13.00 horas, facilitando así a visita tanto á mostra como ao propio centro.

Desde o Concello de Pastoriza animan á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse a Fonmiñá para desfrutar desta exposición, que combina tradición, lecer e memoria colectiva nun espazo de referencia para a divulgación ambiental e cultural da comarca.

0.12109708786011