A exposición Fauna esencial estará en Pastoriza a partir do 16 de xullo

TerraChaXa
Estará no Centro de Interpretación do Alto Miño (Fonmiñá), onde se poderá visitar ata o 26 de agosto, de luns a sábado de 10.30 a 13.30 horas
exposicion-abanca-fauna-pastoriza
11 Jul 2026

Afundación, ABANCA e o Concello da Pastoriza asinaron un convenio de colaboración para a realización da exposición de fotografías «Fauna esencial». O acto tivo lugar hoxe ás 12.00 h no Concello da Pastoriza e contou coa presenza do alcalde, Darío Cabaneiro Santomé; Carlos Teijeiro Pita, coordinador institucional de ABANCA en Lugo; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.

«Fauna esencial» inaugurarase o vindeiro 16 de xullo no Centro de Interpretación do Alto Miño (Fonmiñá), onde se poderá visitar ata o 26 de agosto, de luns a sábado de 10.30 a 13.30 horas.

Esta colaboración forma parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis aló das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

Afundación, a Obra Social de ABANCA, formula esta exposición como un chamamento á acción e á reflexión para apreciar a diversidade da vida salvaxe, recoñecer a súa importancia para a sustentabilidade do noso planeta e asumir a responsabilidade da súa conservación. Nun mundo cada vez máis consciente da necesidade de preservar o medio ambiente, «Fauna esencial» inspíranos a valorar e respectar as especies da nosa contorna, asegurando así un futuro máis harmonioso e equilibrado para todas as formas de vida na Terra.

A exposición «Fauna esencial» é unha enriquecedora viaxe a través da diversidade da nosa vida silvestre. Está conformada por 28 fotografías de gran formato realizadas polo naturalista Ezequiel Martínez, fotógrafo especializado en retrato de natureza que colabora con numerosas publicacións especializadas. As imaxes están acompañadas de textos explicativos que inclúen as características biolóxicas, do seu hábitat, costumes, alimentación, distribución xeográfica e os perigos aos que se enfrontan para a súa supervivencia. Para a súa elaboración contouse cos especialistas do Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación, Naturnova, quen confeccionaron unha información que comparte rigor e espírito divulgativo, accesible para todos os públicos.

Unha mostra con grandes retratos de primeiros planos dalgunhas das especies máis significativas da Península Ibérica como o oso pardo, a cegoña, o voitre leonado, o gamo, o cervo, a curuxa ou a aguia imperial.

0.12462592124939