A exposición 'Nós somos Elas' chega á Casa Dospeso das Pontes para reivindicar o papel das mulleres na historia

A Casa Dospeso das Pontes acolle desde o 15 e ata o 30 de outubro a exposición Nós somos Elas, unha proposta impulsada pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda que pon o foco nas mulleres e no seu papel na historia.
A mostra reúne 24 retratos procedentes do Arquivo Fotográfico Vidal, realizados por José María Vidal, histórico fotógrafo de Laxe, que retratou a vida cotiá das mulleres nos ámbitos familiar, privado e laboral.
As fotografías acompáñanse de textos de 24 poetas galegas, que achegan a súa voz e a súa palabra ás imaxes para construír un relato inclusivo, recuperar a memoria e outorgarlles ás mulleres o protagonismo que merecen.
A exposición propón así un encontro entre fotografía e poesía que invita a mirar o pasado desde unha nova perspectiva e a recoñecer as mulleres como protagonistas da historia.
As persoas interesadas poderán visitar a mostra na Casa Dospeso, de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas, e os sábados de 10.00 a 13.00 horas, ata o 30 de outubro.