A Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti suma sete novas entidades

LugoXa | TerraChaXa
A incorporación destes colectivos súmase a outras dez solicitudes de alta que se atopan actualmente en tramitación
federacion-asociacion-veciños-lucus-augusti-ciudadanos
11 Jun 2026

A Federación de Asociacións Veciñais da provincia de Lugo Lucus Augusti continúa reforzando a súa implantación territorial coa incorporación de sete novos colectivos procedentes de distintos puntos da cidade e da provincia. Estas adhesións consolidan o papel da entidade como principal referente do movemento veciñal lucense e fortalecen a súa capacidade de representación en ámbitos urbanos e rurais.

As novas asociacións integradas na Federación son a Asociación de Veciños de San Pedro Félix de Muxa, en Lugo; a Asociación de Veciños e Comerciantes Fonte dos Ranchos, tamén na cidade de Lugo; a Asociación de Veciños Souto de Torres, en Castroverde; a Asociación Cultural Veciñal Río Covo, de Santa María de Pol, en Baralla; a Asociación de Veciños, Cultural e de Deportes de Chaovilarín, en Cervantes; a Asociación Veciñal e Cultural de Mulleres de Santiago de Viladonga pola Igualdade, en Castro de Rei; e a Asociación Cultural Os Xardois, tamén no municipio de Cervantes.

Desde a Federación destacan que cada unha destas entidades achega a súa propia experiencia e compromiso co desenvolvemento comunitario, contribuíndo a fortalecer iniciativas relacionadas coa dinamización cultural, a promoción do comercio local, a defensa do medio rural, a participación cidadá e a igualdade.

A incorporación destes colectivos súmase a outras dez solicitudes de alta que se atopan actualmente en tramitación e que proceden de diferentes localidades da provincia. Esta circunstancia, segundo a organización, evidencia o dinamismo e a crecente fortaleza do asociacionismo veciñal lucense.

Coas novas adhesións, a Federación Lucus Augusti reúne xa preto de 300 colectivos veciñais, unha cifra que a sitúa como a organización veciñal máis numerosa de Galicia. Segundo destacan desde a entidade, o volume de asociacións integradas supera de maneira conxunta o das federacións veciñais doutras cidades e comarcas galegas como A Coruña, Santiago, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Vigo, O Morrazo ou Val Miñor.

A Federación considera que este crecemento reforza a súa capacidade de interlocución coas administracións e consolida a provincia de Lugo como unha referencia no ámbito do asociacionismo veciñal galego.

0.12570714950562