A Feira da Galiña de Mos regresará o día 27

LugoXa | TerraChaXa
Este ano como novidade haberá unha sesión vermú ás 13.00 horas
galina-de-mos-2
6 Out 2024

O domingo 27 de outubro volverá celebrarse a Feira da Galiña de Mos, na parroquia de San Xiao de Mos, en Castro de Rei, na que os criadores desta afamada galiña porán en valor os seus exemplares.

A feira, que chega a súa edición número XIII, abrirá ás 10.30 horas coa exposición de exemplares da raza Galiña de Mos que participarán na X edición do Concurso desta raza, con premios para o mellor galo e a mellor galiña. Con esta abre tamén unha feira de artesanía e outra de coches clásicos. Sobre as 11.30 animará a xornada unha banda de música.

Este ano, como novidade, haberá unha sesión vermú a partir das 13.00 horas e despois do xantar unha de tarde, a partir das 16.30 horas, co trío Merengue.

A partir das 14.00 horas será a degustación, co reparto de racións a un prezo de 15 euros e que consistirán en empanada, polo, ovos fritos, pan e queixo de Leitigal con bebida e café incluídos.

Previsiblemente, serviranse arredor de 800 racións como anos anteriores, e os tíckets poderanse adquirir nun posto colocado pola organización e estarán á venda dende dous días antes por parte da organización ou o mesmo día da feira.

Para completar a xornada haberá xogos populares coa asociación Cadaval desde as 15.30 horas.

Ademais, volve sumarse á celebración unha exposición de vehículos clásicos onde se premiará ao piloto máis vello, a o máis novo e a o que veña de máis lonxe. Así mesmo haberá premio para o coche mellor engalanado.

0.19345903396606