A Feira de Oportunidades de Vilalba consolidouse cunha alta participación e afluencia de público

TerraChaXa
Durante a fin de semana, un total de 16 establecementos asociados participaron nesta iniciativa, sacando os seus produtos á rúa en formato outlet e ofrecendo artigos con descontos especiais
FEIRA-OPORTUNIDADES-VILALBA
15 Apr 2026

A Asociación de Empresarios de Vilalba fai un balance moi positivo da nova edición da Feira de Oportunidades, celebrada os pasados días 11 e 12 de abril na Praza da Constitución, que volveu converter o centro da vila nun punto de encontro para o comercio e a cidadanía.

Durante a fin de semana, un total de 16 establecementos asociados participaron nesta iniciativa, sacando os seus produtos á rúa en formato outlet e ofrecendo artigos con descontos especiais en sectores como moda infantil e de adulto, calzado, librarías e comercio téxtil, entre outros.

A feira rexistrou unha notable afluencia de público ao longo de ambas xornadas, consolidándose como unha das accións de dinamización comercial máis destacadas do calendario anual do municipio e contribuíndo a impulsar o consumo no comercio de proximidade.

Ademais da oferta comercial, o evento contou con actividades complementarias dirixidas a mellorar a experiencia das persoas asistentes, entre as que destacou o servizo de ludoteca infantil, facilitando así a conciliación familiar durante a visita, así como diferentes sorteos e promocións vinculadas ás compras realizadas.

Neste contexto, as compras efectuadas durante a Feira de Oportunidades permitían participar no sorteo dunha cesta de produtos gourmet, iniciativa que tivo unha gran acollida entre o público. As persoas gañadoras foron Fina e Emilia Miragaya, que resultaron premiadas tras o correspondente proceso de recollida e extracción das participacións.

Desde a Asociación de Empresarios de Vilalba quérese destacar a implicación dos establecementos participantes e agradecer a resposta da veciñanza, que volveu demostrar o seu compromiso co comercio local.

A Feira de Oportunidades enmárcase dentro do programa de actividades do Centro Comercial Aberto de Vilalba para o ano 2026, orientado a dinamizar o tecido comercial e ofrecer propostas atractivas que incentiven as compras nos establecementos de proximidade.

A campaña estivo organizada pola Asociación de Empresarios de Vilalba, coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia e do Concello de Vilalba.

0.13869094848633