A Feira do Cabalo de Friol bate marcas cunha edición histórica e 186 participantes

LugoXa | TerraChaXa
O Concello, organizador da cita, repartiu preto de 7.000 euros en premios entre as distintas categorías participantes
feira-do-cabalo-de-friol
25 May 2026

Friol converteuse un ano máis no epicentro do mundo ecuestre galego coa celebración dunha nova edición da Feira do Cabalo, unha cita xa consolidada no calendario autonómico e que este ano alcanzou cifras récord de participación. O evento reuniu a 186 exemplares inscritos nas diferentes probas e concursos desenvolvidos ao longo da xornada, confirmando o crecemento continuo dunha feira que cumpre xa dúas décadas de historia.

Acompañados de altas temperaturas, centos de persoas achegáronse ao recinto feiral para desfrutar dunha intensa programación arredor do cabalo e da tradición ecuestre. O programa incluíu mercado de compra e venda de gando equino, concursos morfolóxicos, probas de andadura e exhibicións que mantiveron unha elevada afluencia de público durante todo o día.

O Concello de Friol, organizador da cita, repartiu preto de 7.000 euros en premios entre as distintas categorías participantes. Nos concursos morfolóxicos da raza pura galega destacaron exemplares como Lapereira da Celta e Cendemil do Celta, mentres que África e Campeiro de Esteiro acadaron os primeiros postos entre as eguas e sementais.

Tamén tiveron protagonismo as categorías de Pura Raza Árabe, Cruzados e Pura Raza Española, nas que participaron exemplares chegados de diferentes puntos de Galicia e doutras comunidades. As probas de andadura tradicional galega volveron ser outro dos grandes reclamos da feira, cun elevado nivel competitivo e unha importante participación.

Na modalidade de andadura libre tamén sobresaíron varios exemplares que espertaron o interese do público asistente, especialmente nas categorías xuvenís e sub-16, que continúan gañando peso dentro da competición.

A programación pechouse cun espectáculo ecuestre protagonizado por Miron Bococi, que puxo o broche final a unha intensa xornada festiva e deportiva. O espectáculo serviu para culminar unha edición que reafirma a estreita vinculación de Friol co mundo do cabalo e coa promoción das tradicións ecuestres en Galicia.

0.11651301383972