A Festa da Afirmación e a Dignidade repartirá o 21 as Mans da Irmandade en Meira

A Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos celebrarán o domingo 21 de setembro un ano máis a Festa da Afirmación e Dignidade en colaboración co Concello de Meira, na súa XIV edición.
O acto, que se celebra no Pedregal de Irimia terá lugar ás 12.00 cunha lectura do resumo do Manifesto da Afirmación e Dignidade, que se entregará en impresión abreviada, da autoría de Baldomero Iglesias Mero.
Como todos os anos van compartirse simbolicamente manifestos e proclamas de distintos colectivos da defensa da liberdade, da natureza e reinvidicacacións da Asociación Avelino Díaz, Adega e Madia Leva. Esta celebración anual reivindica o simbolismo e a paisaxe do Pedregal “e o nacemento do pai dos nosos ríos”.
Este ano as Mans da Irmandade, obra de Manolo Pardo, son para a familia de Xosé Francisco Domínguez Martínez e Silvestre Gómez Xurxo, os dous como defensores dos dereitos lingüísticos.
Máis tarde haberá un xantar e a animación musical estará a cargo do Gaiteiro Nubeiro Raúl Galego. O menú, a un prezo de 35 euros, contará con xamón, empanada de Meira e carne de tenreira asada no forno, sobremesa, bebidas e café.
Os que desexen anotarse poden facelo antes do mércores 17 chamando ao teléfono 646 413 890.